Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un patrimonio pouco coñecido y Os ecos dun chamativo monumento

Expedición arqueolóxica no Hío en 1911

O autor repasa a curiosidade académica e mediática que espertou no seu día o coñecido como Forno da Tella

Arriba, unha foto de grupo realizada na fonte exterior construída no 1677 da Casa Reitoral do Hío. Á esquerda, unha antiga panorámica do Igrexario dende Centeás. // Jaime Solá (director da revista Vida Gallega). Exemplar de outubro de 1911

(A Andrea González Soliño)

Pensábase ata non hai moito tempo que o topónimo da parroquia do Hío tiña a orixe nunha deusa grega, mais isto aparece xa desmentido por varios estudosos na materia, asegurando que O Hío é un topónimo con referencias á auga. Tales pensamentos, propios de investigadores, ás veces erguen a imaxinación máis alá do permitido pola seriedade e credibilidade, algo a ter en conta polos lectores que valoran as publicacións dos que escriben a maior ou menor escala.

No Hío existe unha construción nunha propiedade particular, bastante descoñecida,en forma de cova con varios arcos graníticos separados medio metro entre si, coñecida popularmente como o Forno da Tella. É evidente que a función que realizaba este forno era a propia cocción de tellas. Estas, unha vez fabricadas, serían colocadas nun poldro situado por enriba dos arcos do forno. O lume ou caldeira estaría na parte máis baixa, é dicir sobre o propio chan, por debaixo dos arcos. Co auxe do comercio e melloras nos medios de comunicación, o forno quedou no esquecemento ata hoxe en día, algo que non concorda coa protección dos bens que se integran no patrimonio arquitectónico e arqueolóxico da nosa comunidade autónoma.

O caso é que este monumento xa causou hai máis dun século unha gran curiosidade (..). Corrían os primeiros meses do ano 1911 cando ata o Igrexario (O Hío) viaxou un grupo de tres destacados estudosos inquedos pola noticia dunha gruta nesta parroquia. As teses sobre a función desta construción dividíanse maiormente en dúas posibilidades. Unha opinión defendía que era unha caverna prehistórica dun importante mérito arqueolóxico. A outra visión dicía que se trataba dunha construción funeraria onde estarían enterrados varios caudillos gregos .

Tal vez a existencia de dúas tumbas antropomorfas escavadas na laxe, que están próximas á construción, fixo que interpretasen o asunto con evidentes doses de fábula. Esta exploración estivo formada polo catedrático da Universidade Pontificia de Santiago de Compostela e literario López Carballeira, o director da revista "Vida Gallega" don Jaime Solá e o señor Gil Roffignac, alumno da Facultade de Mediciña na devandita Universidade. Este último debeu ser quen transmitiu a existencia desta estrutura, pois somos coñecedores da relación co Hío da familia pontevedresa Roffignac García-Fórez que a primeiros do século XX eran propietarios da fábrica de salgado, escabeche e conserva denominada de Temperán, que despois venderían no 1906.

Grazas á súa publicación na revista "Vida Gallega" de outubro de 1911, conseguimos localizar algunhas fotografías interesantes que nos aportan datos importantes. A primeira vista semella que tamén foron sabedores desta expedición o crego do Hío don Constantino Míguez Míguez segundo parece na fermosa estampa que se fixo na fonte da Casa Reitoral do Hío.Tamén nos aporta información unha pequena crónica do xornal "Noticiero de Vigo" do día 23 de xuño de 1911.

En calquera caso hai persoas que acreditan que esta edificación pode ter máis de catro séculos. Hoxe está tapiada con mato e refugallos de árbores que impiden a súa visualización.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats