"Esta semana fixemos un curso de navegación con 16 rapaces, e 12 deles viñeron hoxe a esta xuntanza", celebraba ao mediodía Pablo Martínez, presidente de Sueste, mentres compartía en Reibón xantar de confraternidade con máis de medio centenar de devotos das embarcacións tradicionais. Un descanso merecido para recuperar forzas entre dúas tandas de navegación, que pola mañá reuniu a 15 tripulacións da ría de Vigo -principalmente de Moaña, Cangas e Bouzas- e pola tarde medrou en tres máis, que se uniron á festa.

Pode parecer unha cifra discreta fronte as arredor de 35 embarcacións que se chegaron a xuntar nas primeiras edicións do evento ou na que se celebrou pouco despois de arder o estaleiro de Casqueiro, pero que responde ás expectativas da organización, pois a Xuntanza de Moaña coincidiu cunha regata en O Bao e unha actividade de pesca de Remadoira, asociación cultural que o ano pasado acudiu á cita con tres embarcacións. Ademais, a meteoroloxía dos días previos desfixo algúns plans, ainda que onte o tempo convidou a navegar, entre o peirao da Mosqueira e a praia da Xunqueira, fronte ao paseo marítimo pola mañá, e de forma libre na xornada de tarde.

Desde a asociación Sueste están satisfeitos cos resultados desta cita enmarcada na "Semana do Mar" e que ten firme vontade de continuar. Do que se trata, recalca Pablo Martínez, é de mostrar e poñer en valor un patrimonio cultural singular e propio que abarca moitos tipos de embarcacións ás veces rescatadas dos desguaces para devolvelas ao mar, así como tratar de "enganchar" á mocidade para que lle dea continuidade. Os seus destinatarios son persoas e colectivos interesados na salvagarda do patrimonio marítimo e fluvial, no que Moaña ten moito que dicir por historia -das súas carpinterías de ribeira saíron moitos destes froitos-, por oficio e tamén por compromiso e determinación.