Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Méndez Núñez e a parroquia de Tirán

O historiador analiza a relación do contraalmirante e da súa familia co pazo moañés

Na data do 17 de maio de 1805 tivo lugar o pasamento de D. José Fernández Guerra, veciño de Marín, que casara con Dª. Tomasa Anguiano; a finais dese mesmo ano, a súa única filla, María del Carmen, asinou un memorial dos bens herdados deles, segundo consta na documentación familiar que se garda no museo de Pontevedra, onde, entre outras propiedades, cítanse as seguintes:

11º. Las casas con sus lagares de hacer sardina y de mostar vino, antecasas con sus cubiertas tejadas y maderadas de pino con la capilla, esta madera de castaño, hórreo y palomar, todo dentro de la dicha Granja del Con, considerando su construcción al presente, su valor cincuenta mil reales.

Este patrimonio, mercado en vida polos seus proxenitores na segunda metade do século XVIII, converteuse, a partir dunha visita do rei Alfonso XII en 1877, na Granxa e Pazo do Real equipada cunha fábrica ou almacén de salgadura; a cal, xunto coa que instalou, na mesma época, o moañés D. Pedro Rubiños, Sr. de Paxarín, deron lugar a que Tirán fose pioneira da industria, chegada do mar, ao actual concello de Moaña.

María del Carmen, casou co militar vigués D. Fco. Javier Núñez, morto na guerra da Independencia, co que tivera varios fillos e fillas. Unha delas, Tomasa, uniuse en matrimonio co fidalgo berciano, D. José Méndez Guadarrama, funcionario de correos, co que tamén tivo unha numerosa prole entre a que destaca, Casto Méndez Núñez, quen, debido á profesión ambulante do pai, naceu en Vigo o primeiro de xullo de 1824, volvendo a Marín en 1827 e a Pontevedra en 1830. Con dez anos, regresou de novo a Vigo co obxecto de preparar o seu ingreso na mariña de guerra; tres anos máis tarde, principiou os seus estudos militares que remataron con quince cando, despois de examinarse en Ferrol e aprobar con sobresaínte, sentou praza de garda mariña.

Logo dunha longa folla de servizos en varios barcos da armada, en 1864, con 40 anos de idade foi nomeado comandante do buque de guerra máis poderoso da época, a fragata acoirazada Numancia, coa que puxo rumbo ao océano Pacífico para reforzar a escuadra española que se atopaba nos portos de Perú e Chile; deste xeito, o 4 de febreiro de 1865, en que partiu de Cádiz, sen el pretendelo, iniciou tamén a primeira volta ao mundo dunha fragata acoirazada. Esta fragata é a que aparece no actual escudo do Concello de Moaña.

Logo de atravesar o estreito de Magallanes sen incidencias, chegou a Valparaiso (Chile) o 28 de abril de 1865; pouco despois, asumiu o mando da Escuadra do Pacífico co grao de brigadier (contraalmirante) tras o suicidio do anterior xefe, o tamén contraalmirante Pareja. Posteriormente, tiveron lugar os bombardeos dos portos de Valparaíso e, o 2 de maio de 1866, o do Callao (Perú). No porto chileno, onde estaban fondeadas dúas pequenas escuadras, unha británica e outra estadounidense, os comandantes en xefe das mesmas fixeron saber ao español que si efectuaba o bombardeo de portos sen defensas, eles interporíanse. O contraalmirante contestoulles que, si así o facían, os combatería, xa que, "España, a Raíña e eu preferimos antes honra sen barcos que barcos sen honra".

Nunha batalla sen vencedores nin vencidos, despois de enterrar aos mortos e reparar os barcos que actuaron no combate, sen que afundira ningún deles, o 10 de maio de 1866 a escuadra do Pacífico saíu a navegar formando dúas divisións; a primeira, comandada por Méndez Núñez desde a fragata Villa de Madrid, tomou rumbo a Río de Xaneiro e, a segunda, dirixida desde o Numancia, polo tamén contraalmirante, Antequera Bobadilla, que fora seu 2º comandante, recibiu a orde de regresar a España atravesando o océano Pacífico para chegar a Cádiz o 20 de setembro de 1867 completando, deste xeito, a primeira volta ao mundo dunha fragata acoirazada.

O 29 de xaneiro de 1869, Méndez Núñez chegou a Pontevedra, despois de estar máis de dez anos fora; nesa cidade foi moi homenaxeado ata o seu viaxe a Madrid para ocupar postos en terra. Na capital fendéuselle a saúde polo que regresou á súa casa pontevedresa da praza da Herba, na actualidade praza de Méndez Núñez, onde morreu o 21 de agosto de 1869 á idade de corenta e cinco anos, solteiro e sen amores coñecidos.

Para recoñecer os seus innumerables servizos a España, o rei Amadeo I concedeulle, dous anos despois de finar, o título de Marqués de Méndez Núñez ao seu irmán Jenaro. Por elo, aínda se conservan na capela e no pazo do Real, onde cada ano veraneaba toda a familia, dous escudos da liñaxe con catro cartelas que se corresponden cos primeiros apelidos do contraalmirante: MÉNDEZ-NUÑEZ-GUADARRAMA-FERNÁNDEZ, debaixo dunha coroa marquesal. A coroa do escudo do Concello de Moaña inspirouse na do devandito marquesado.

Tendo que trasladar as cinzas do contraalmirante, e do resto da familia, desde o cemiterio que ían clausurar en Pontevedra, as irmás Soledad e Cayetana, decidiron transportalas cara a súa capela de Tirán, a pesar de que os vigueses pretendían construír un panteón para acollelas. As cinzas depositáronse, o 31 de abril de 1875, en dous sartegos, un individual e outro para os seus devanceiros, despois de informar por escrito ao arcebispado compostelán que dispuñan dunha capela: donde celebran misa durante la temporada de verano que en ella residen.

O 2 de agosto de 1877, o rei Alfonso XII, visitou dita capela e alí, ollando a sobriedade do enterramento, dispuxo que os restos de Méndez Núñez fosen trasladados ao Panteón de Marinos Ilustres de San Fernando (Cádiz). O cumprimento da orde efectuouse o 3 de xuño de 1883, día en que os embarcaron na fragata Lealtad, con desgusto da familia que prefería que non saíran de Tirán.

As relacións da "Granxa e Pazo do Real", cos herdeiros do ilustre mariño continuaron do mesmo xeito que antes, incluso chegou a vivir de continuo no pazo, a partir dos comezos dos anos 60, a cuarta marquesa, Dª Rosalía Méndez -Núñez, que decidiu vender por soares a extensa granxa e, despois do seu pasamento, o seu fillo, actual quinto marqués, D. Eduardo Suárez Rivero, alleou o resto da propiedade.

Logo dun dilatado período de abandono e do incendio ocorrido en 2009, as construcións protexidas por Patrimonio, capela, pombal, hórreo e pazo, atópanse nun vergoñento estado de conservación, con serio perigo de derrube e un negativo impacto visual, sen que se coñeza cando o seu actual dono, un especulador estranxeiro, pensa restauralos.

*Investigador da historia local de Moaña.

Compartir el artículo

stats