Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pablo Carracedo "Jasper": "Deixamos unha herdanza cantada do que hai que facer: caer, erguerse e loitar sempre"

A banda chega coa súa xira de despedida, "Ata que o lume se apague"

NAO actuará dentro da primeira xornada do SonRías Baixas. //

O Festival SonRías Baixas arranca mañá en Bueu e será unha das últimas ocasións para ver a unha das bandas galegas de rock máis recoñecidas. Os estradenses NAO están inmersos na súa xira de despedida, que leva por título "Ata que o lume se apague", ao igual que o seu disco. Está previsto que suban ao escenario principal ao redor das 2.00 horas para pechar a primeira xornada de concertos.

- Non hai moito que a súa xira recalou na sala Aturuxo. Agora voltan para actuar no Festival SonRías Baixas, un concerto que desta vez parece que vai ser a súa despedida da vila. Que significa para vostedes volver a Bueu e actuar neste festival?

-Para nós tanto Bueu como todo o Morrazo forman parte da historia da banda. Temos grandes amizades, xente que nos leva apoiando dende o comezo. O Aturuxo é un local de referencia en Galiza e o SonRíasBaixas é un dos mellores festivais que se fai no país. Agardamos despedirnos ao grande dando un concerto inesquecible.

- Como está sendo esta xira de "Ata o que lume se apague"? Que perciben por parte do público: emoción, agradecemento por estes anos de cancións e música, peticións de que reconsideren a súa decisión de deixalo... ou un pouco de todo?

-Hai todo iso, si. Para nós foi a confirmación de que queda esperanza no mundo da música, que todo o que sementamos durante estes catorce anos serviu para que exista unha escena rica de público que demanda música galega en galego. Fixemos unha xira de salas moi longa tentando chegar a todos os recunchos do país e enchemos en practicamente todos. Foi moi emotivo. Agora na xira de verán estamos vendo moitísima xente nova que nos sigue con devoción. É algo que nos sigue sorprendendo e emocionando.

- E para vostedes? Cada concerto é un concerto menos ata o amarre de Nao e supoño que as emocións están a flor de pel.

-Esa reflexión fixémola antes de que arrancara a xira. Ahí estaban os nervos de saber que estás compoñendo un derradeiro disco e queres que guste. Unha vez que a NAO zarpou na Capitol no mes de decembro xa o asimilamos. Seguramente no derradeiro concerto, no Mercado de Amio o 7 de decembro, volveremos a pensar nisto e a emocionarnos pensando que todo vai rematar.

- Despídense nun momento brillante e de madurez a nivel musical e compositivo. Non soe ser o máis habitual. Por que decidiron deixalo aquí?

-Por ser moi previsores. É difícil de explicar. As bandas non adoitan facer isto. Nós non queríamos que o grupo se fose desgastando co paso dos anos, que marcharan membros e entraran outros, que se perdera a esencia. Ter unha banda como NAO crea un desgaste no resto de cousas que rodean as nosas vidas. E quixemos ser os donos do noso destino, non que nos viñera dado dende fóra: un mal disco, cambios na formación, malos concertos, desidia? Deixalo estando arriba e traballando ao máximo nivel, dando un esforzo final que deixara un gran recordo da banda. Ese era o plan e está saíndo á perfección.

- Este disco, "Ata que o lume se apague", está cheo de colaboracións e temas que se poden considerar case como himnos. Como foi o proceso?

-Foi un proceso longo. Fai anos fixemos unha choiva de ideas no local, improvisando, deixándonos ir. Moitos destes temas quedaron en simples bosquexos que gravamos e deixamos en repouso. Logo viñeron temas que algún de nós xa traía da casa. Precisabamos tempo para que as letras fluiran. Foi preciso que pasaran cousas, a nivel persoal, a nivel social e político... Unha vez que nos puxemos mans á obra fomos completando as pezas do quebracabezas case do tirón. Por outra banda, tiñamos moi claro con quen queriamos gravar este derradeiro disco. En primeiro lugar co noso produtor dos últimos anos, a persoa que fixo que NAO dese un salto de "grupo underground" a "grupo de masas": Iago Pico dos Estudios Pouland. Pero tamén queriamos despedirnos do estudo no que gravamos o primeiro disco de NAO "As palabras espidas". E regresamos a Euskal Herria aos estudos Garate a gravar con Kaki Arkarazo dous temas moi significativos do disco.

- Plantexáronse nalgún momento dar marcha atrás na súa decisión de deixalo?

-Non. Foi unha decisión moi meditada

- Un chisco de ironía. O álbum ábrese con "Franco resurrección". Hai uns días o exnuncio do Vaticano, Renzo Fratini, acusaba ao Goberno de "resucitar a Franco" co proceso para sacalo do Val dos Caídos. Cren que escoitou a súa canción?

-Ogallá a escoitara. Especialmente no retrouso cando berramos o de "Malditos bastardos!!!" [risos]

- Nestes semanas tamén se coñeceu á sentenza do Tribunal Supremo sobre o caso da manada, un suceso que evocan en "Recordo de Pamplona". Pensan que se lle puido dar á volta ese lapidario verso co que rematan a canción: "Aquí a princesa Disney remata o conto sendo devorada"?

-Pensamos que por fin se fixo xustiza. Todos sabiamos que fora violación e non abuso. É moi preocupante que uns xuíces amparen aos violadores e deixen desamaparadas ás vítimas. Dá moito medo saber que existe unha xustiza patriarcal. Este tipo de actuacións dan barra libre a que calquera poida facer algo así de novo. Merecían unha condea exemplificante, non estar libres na rúa como estaban. Pensemos nos rapaces de Altsasu, case 1000 días detidos por unha pelexa de bar e estes cans ceibos por Sevilla.

- Cantan neste disco "Resucitar na tempestade/Eu neste barco non naufragarei/ Resistirei"... Que farán os membros de Nao a partir de agora? Como van seguir mantendo "o puño en alto e constancia na loita", como cantan noutro dos temas?

-Hai moitos xeitos de loitar. Iso é algo que queremos deixar en herdanza. Nós loitamos a través da música durante todos estes anos. Pararemos e iniciaremos novos proxectos de seguro. Pero non só se loita así. Hai que dar a batalla nos centros de traballo, esixindo melloras; nos centros de ensino, nas rúas, nos nosos concellos. Temos que tomar responsabilidade social. Hai que asociarse, organizarse en sindicatos, partidos, asociacións veciñais, culturais e deportivas. Temos que unirnos con xente que pense coma nós. O mundo é cada vez máis individualista, construamos un mundo máis social, máis comunal. Hai que dar a batalla en todos os ámbitos das nosas vidas, dende a solidaridade loitando polo ben común.

- Supoño que é imposible unha mellor despedida que "Adeus e grazas", na que cantan que "as cancións afoguen a ausencia". Compromiso e agradecemento a súa xente.

-Era preciso explicar nunha canción o agradecidos que estamos a todas as persoas que sentiron o mesmo que sentimos nós durante estes anos. NAO funcionou porque enganchou á xente nuns conceptos de amor e loita moi profundos. Demostramos que non eramos extraterrestres por pensar distinto e ser valentes nun mundo de covardes. Había moita máis xente espallada por todo o país que pensaba coma nós. E quixemos deixarlle unha herdanza cantanda do que deben seguir facendo. Caer, erguerse e loitar sempre.

Compartir el artículo

stats