Música de raíz galega co feminismo por bandeira. Eso exporá hoxe Habelas Hainas, as encargadas de abrir o Intercéltico de Moaña.

- Folk cunha mensaxe social. Podería ser esa a mellor definición de Habelas Hainas?

- A nós gústanos máis chamarlle músicas de raíz galega... e si, a maioría do noso repertorio fala das cousas que afectan ás persoas; Pan Traballo e Teito, a Danza, que fala da emigración, Bella(s) Ciao, das condicións duras de traballo das mulleres campesiñas ou o Hymne des Femmes, por citar algunhas... aínda que tamén temos algunha canción de amor... de amor propio, xa que poderíamos dicir que a ausencia del tamén é un problema social. Pois si, moi boa definición. Oxalá chegase o día no que eses temas non estean de actualidade.

- Un grupo formado por catro mulleres nun festival cun marcado tinte femenino como é o Intercéltico nesta edición. É necesario reivindicar o papel da muller na música? Ou reivindicar o seu papel na sociedade a través da música?

- Nós preferimos o tinte feminista... Pois si pensamos que é necesario visibilizar ás mulleres nos escenarios e que sexan tomadas en serio igual ca os homes. Nós contaríamos mil anécdotas, como que nos pregunten onde están os músicos, pois dan por feito que somos cantareiras soamente. Aínda non é moi habitual ver a grupos de mulleres instrumentistas, aínda que cada vez somos máis, e si debemos reivindicar o noso papel en todos os eidos alén do artístico ou cultural.

- Son un grupo xa con certa traxectoria, pero, que supón tocar nun escenario coma o Intercéltico?

- Pois para nós é un honor inmenso. Actualmente proliferan os festivais onde podemos ver a grupos internacionais, pero alá polos oitenta e noventa era máis difícil. É unha honra poder participar nun festival con tan longa traxectoria e polo que pasaron os mellores grupos internacionais e galegos que foron os nosos referentes, coma Julio Pereira, Fuxan os Ventos, Ricardo Portela, Milladoiro ou Muxicas. Algunha de nós xa andaba por alí, no campo de fútbol da Xunqueira, empapándose desa música.

- Parece claro que o público de Moaña pode agardar unha actuación chea de enerxía e ritmo, non?

- Pois claro, nós gozamos moito tocando xuntas e cremos que esa enerxía que creamos ao final é de ida e volta. E temos tamén un repertorio variado en canto a instrumentación e ritmos. Seguimos presentando o noso disco "Livres e Loucas" e esperamos que o público de Moaña o goce igual que gozamos nós tocando.