Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Traiñeiras: pesca, embarcacións e deporte (II)

As primeiras regatas xa se celebraban en Vigo en 1875 con barcos da escuadra inglesa fondeada na ría

Nos anos vinte xa se estilizan as traiñeiras. // Arquivo do autor

Quíxose mitificar a orixe das regatas como unha competición entablada entre os mariñeiros para chegaren antes aos galeóns do trafico de peixe ou aos peiraos das conserveiras e obter así un mellor prezo da pesca. De todo isto hai algúns datos pero o certo é que as primeiras regatas documentadas xa se celebraran en Vigo en 1875 con barcos da escuadra inglesa fondeada na ria. A cousa debeu gustar, pois cinco anos despois, o Faro de Vigo xa se facía eco en agosto de 1880 que nas regatas das Festas do Cristo da Victoria ascendían de quinientos los espectadores que en setenta botes se mecían por las tranquilas aguas de la ría y á dos mil los que ocupaban los muelles y el malecón.

Estas competicións estaban promovidas polos clubes náuticos, con motivo dunha festa, nas visitas de barcos de guerra ou como simple divertimento veranego no que implicaban a patróns e mariñeiros proveedores das suas fábricas, que tamén procuraban un plus monetario nos premios. Ainda que estas elites non gustaban dos xogos tradicionais, non tiñan reparos en potenciar, organizar, regulamentar e participar como xuices nestas competicións nas que se mesturaban coas xentes do común. As primeiras regatas celebrábanse en embarcacións tradicionais nos portos pesqueiros existentes, desde Ferrol a Vigo. En 1890 xa eran famosas as regatas de botes (lanchas do xeito) e galeóns do Carril con motivo da festa do San Fidel e a elas concorrerían tamén, posteriormente, bucetas e racús dos portos veciños de Vilagarcía, Vilaxoán, Rianxo... Incluso nestas datas seica participaran dous botes tripulados por mulleres, un de Carril e o outro de Cortegada, marcando un precedente feminino neste deporte. En 1894, Vigo continuaría celebrando as regatas de bucetas e bateas e incluso dos botes de tráfico, dedicados a adquerir o peixe e levalo ás fábricas, función que coa chegada da arte da traíña sería realizada por galeóns. Tamén Marín nas suas festas de 1897 xa incluiría competicións de canoas de recreo con catro remeiros e timonel, lanchas do xeito con seis remos e timonel, botes polbeiros de dous remos e peltre e de gamelas tripuladas por un só home e cos ollos vendados.

Porén, as primeiras noticias que temos de regatas de traiñeiras, proceden do ano 1900 durante as festas de Vigo e de Marín, competindo na primeira poboación, bucetas de catro remos, botes de oito e traiñeiras. Na vila marinense a regata consistía na ida e volta ata a Illa de Tambo competindo, ademáis doutras embarcacións, as traiñeiras "Buenos Aires" de Manuel Bravo e a "María" de José Chas de Cantodarea. En 1904, as celebradas na Coruña faríanse dun xeito máis oficial pois xa se regulamenta o percorrido e hai unha clasificación e premios sendo o Club Deportivo Calvet o primeiro en promover os deportes de remo e que logo sería imirado por outros de Galicia. No Morrazo, ao que se ve, foron os de Marín os pioneiros destas regatas pois neste porto, ao igual que en Vigo, adoitaban fondear buques de diferentes escuadras navais que organizaban estas competicións. En 1905, durante as festas marinenses de setembro, competiron canoas, lanchóns, chalupas, lanchas do xeito, botes polbeiros e traiñeiras en cadansúa competición e en Bueu, organizadas pola Sociedade do Gimnasio de Artesanos houbo competicións de botes polbeiros, bucetas, canoas e traiñeiras. Na organización buenense estaban conserveiros, armadores e patróns e a competición fíxose saíndo da punta de Pescadoira nun percorrido de 2.000 metros no que gañaría a traiñeira "La Antigua" con dez minutos de rexistro. En anos posteriores as regatas celebraríanse en Beluso sendo moi chamativo que na celebrada en 1919 xa se controlase o tipo de traiñeira: de trece remos, de quince ou de dezaseis e as medidas das mesmas. Nas festas locais de San Martiño e San Roque, celebradas en agosto do 1933 houbo tamén regata de traiñeiras con premios de 50 pts para o primeiro posto e 25 pts pra o segundo, donados por J. Mª Massó.

Desde 1909 tamén adoitaban celebrarse regatas na Toxa onde competían modernas canoas e tamén dornas e traiñeiras patroneadas e tripuladas por mariñeiros e que despertaban as paixóns dos veraneantes que elevaban os seus gritos de ánimo ata confundirse coas notas da banda musical que amenizaba o espectáculo. As regatas de agosto de 1914 neste balneario, foron moi criticadas por estar a Guerra do Rif nun momento álxido pero desde o establecemento balneario apuntaron que os clientes (das elites) precisaban do ocio, divertimento e alegría para a sua saúde. Ante isto só cabe indicar que na competición de traiñeiras, gañaría unha de Cambados patroneada por Daniel Caneda. Nas festas de Vigo de 1911 houbo regatas con sete balandros de recreo, tres deles pertencentes ao rei que tamén patrocinaba o primeiro premio. Tamén houbo regatas de nove botes de tráfico e de traiñeiras sen distinción de categoría, levando o primeiro premio unha de tipo vasco de doce remos, pertencente a trasatlántico Urania e a de José Coloret con dezasete remos, recibiría unha mención e premio.

Compartir el artículo

stats