14 de julio de 2019
14.07.2019

"La Blanca", "María" y "Malena", na regata do Carme ou do remate do recheo marítimo

14.07.2019 | 03:18
Primeiros premios na regata celebrada en Moaña no 1913. // Arquivo do autor

Non temos seguranza da data das fotografías mais coidamos que poden ser dunha regata que se celebrou en Moaña no ano 1913 nas festas do Carme ou da que tivo lugar no 1914 con motivo do remate das obras do recheo da frente marítima. Nas imaxes aparecen tres traiñeiras típicas da ria, denominadas "La Blanca", a máis lixeira e máis antiga, que alcanzaría o primeiro posto con 18 remeiros, proel e timonel. No segundo posto clasificaríase a "María" con 20 remos e terceira a "Malena" de semellantes características. Por referencias documentais, sabemos que as tres traiñeiras eran propiedade do carpinteiro de ribeira Juan Azpeitia Santisteban, unha vez instalado no barrio cangués do Forte e foliadas as tres na comandancia de Mariña de Cangas. Estes traiñóns xa tiñan escasa utilidade nesta época e cara a comezos dos anos vinte as traíñeiras máis pequenas comezarían a incorporar motores de combustión interna a bencina (gas pobre) ou gasolina, procedentes de automóbiles. Como dato interesante consta que en 1924 o asteleiro cangués de Secundino García xa importaría como novidade, un motor sueco marca "Regulax" da Motorfabriken de Mariestad para incorporalo a unha traíñeira de Manuel Camiña.

En 1913, Marín continuaba coas regatas durante as festas e no ano 1914, á par que a competición de Moaña que comentamos aparte, tamén houbo regatas de traiñeiras en Noia e en Bueu onde se celebraban tamén de bucetas, botes polbeiros e chalanas. No ano seguinte, nas probas celebradas en Vigo participarían oito gamelas, dez traiñeiras de oito remos e catro de 16 e 18 con procedencia de Teis, Baiona e O Grove. Os chamados agora balandros de compra (de peixe) tamén regatearon a vela despregada en disputa dun premio de 1.000 pts que atraeu a barcos de San Adrián, Santa Cristina, Domaio, Coia, Muros e Vilanova de Arousa que sería a gañadora. As regatas de traíñeiras celebradas en Cambados no 1918 foron moi celebradas e nas festas de Vilagarcía en 1924 houbo competicións de bucetas de catro remos, barcos do xeito e galeóns a vela que compartían xa o evento coas modernas embarcacións dos clubes náuticos. Nas Festas do Cristo de 1925 celebraríanse en Cangas eventos náuticos máis centrados nas competicións de barcos de vapor e gasolina, ainda que tamén houbo unha regata de traiñeiras de oito remos entre as boias do Salgueirón e de Rodeira. Coas sociedades náuticas xa volcadas case exclusivamente nas regatas de canoas, yolas e balandros de recreo, celebraríase en Vigo en 1926, unha nova regata na que ainda se lle daba acollida ás traiñeiras de oito remos e aos balandros de compra, incluíndo unha novidosa competición de motoras. Na mesma data, durante as festas da Peregrina de Pontevedra, tamén houbo regata ata Marín coa participación de canoas, gamelas e racús de catro remos e un de goberno. Nos anos trinta, baixo o impulso dos Clubs náuticos xa se estendían as regatas de piraguas, canoas e motoras máis en moitos casos ainda compartían nas competicións coas de botes, falúas, racús, chinchorros, gamelas e traiñeiras: Ao final, de todos os barcos tradicionais a remo, só sobrevivirían estas últimas co seu nome ata os nosos días pois a sua estrutura a penas tén xa que ver coas embarcacións de madeira que nun tempo foron exclusivas da pesca.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

Comeza un ano máis o Concurso Illas Cíes no que os nenos e nenas de Vigo nos contan como ven eles as Illas Cíes

FaroEduca