Retrouso celebra mañá sábado edición número dezaoito do seu festival, no que participarán sete grupos procedentes de distintos lugares de Galicia. O certame será o sábado a partir das 21.00 horas no Eirado de Cela e incluirá a celebración da súa sexta retrofoliada.

O festival contará coa presenza do Grupo Castromao de Mondariz, que devolve a visita que fixo o ano pasado o conxunto bueués aos seus actos do XXXI Día da Muiñeira, e de Retrouso, que ofrecerá dous pases para mostrar o amplo traballo das súas seccións de baile.

A continuación será o momento para a retrofoliada, que conta coa presenza confirmada de sete agrupacións: Alxibeiras de Areas (Ponteareas), Cantigas e Agarimos (Santiago), Trébede (Cangas), Naicosqueira (Bueu), Trespés (Vigo), Prima de Buxo (Vigo) e Son d'Aquí (A Coruña). Comezará a partir das 22.00 horas e tras a actuación destes conxuntos o escenario quedará libre para unha foñliada aberta.