Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xentes de armas tomar (II)

A Garda Civil tivo que investigar se as denuncias do Somatén eran fiables ou se había un abuso do poder

O Somatén chegaría a contar en Galicia nos seus primeiros anos cuns quince mil adscritos, a maioría afeccionados á caza que vían na sua filiación unha maior posibilidade de "darlle ao gatillo" sen restricións. Aparte disto, a súa operatividade apenas ficaría circunscrita á detención de pequenos delicuentes, intervención en trifulcas de aldea e casos comúns de alteración da orde pública.

Porén, onde máis se significaron, foi na parafrenalia dos desfiles, recepción de autoridades, bendición de bandeiras, imposición de bandas e medallas, nomeamento de madriñas, exercicios de tiro e ágapes de confraternización. En principio, cabe explicar a organización do Somatén nos concellos do Morrazo motivada pola presenza dos sindicatos da Alianza Mariñeira en Moaña e Cangas, xa moi mediatizados pola CNT, mais a ilegalización deste sindicato e a connivencia da UGT co réxime, habían producir neste periodo un efecto narcotizante da actividade sindical, moi reivindicativa anteriormente.

Xa que logo, a actividade dos somaténs da zona limitaríase a formaren armados durante a visita de Primo de Rivera a Bueu e Cangas o día 27 e a Moaña o 28 do mes de xullo do 1924. Nestas visitas aos portos, o presidente do Directorio estivo sempre acompañado do promotor dos Pósitos, Alfredo Saralegui, coa intención de darlle máis importancia e releve a estas institucións ata agora moi contestadas polos sindicatos da Alianza Mariñeira de Cangas e Moaña.

Primo de Rivera chegaría a Cangas o domingo día 27 ás sete da tarde, acompañado do xeneral Martínez Anido, moi asiduo da vila e durante uns anos con rúa na sua honra, sendo recibido polo alcalde Pedro Rodríguez Pérez (extenente da Garda Civil) e a corporación nomeada polo Directorio na que figuraban Benigno G. Soage, Emilio Lorenzo, M. Sotelo Barreiro e Antonio Rodal (tenentes de alclade); Francisco Eiroa Graña (síndico); Jesús Solla Graña (interventor) e os concelleiros Luis Bolívar, Vicente Nogueira, Emilio García, Andrés Romay, José Rodal e Antonio Bastos.

Os sons da banda de música local amenizarían o acto entoando a Marcha Real (aínda que non era o Rei) e un enorme xentío tíñase concentrado no peirao pois o comercio xa pechara unha hora antes por orde municipal.

A chamamento do alcalde tamén se ergueran dous arcos de trunfo feitos con redes e trebellos mariñeiros, mesturados con ramallos de loureiros e baixo eles e pola rúa Real, chea de flores e bandeiras, a comitiva dirixiuse cara o consistorio. Na porta do Concello, onde había unhas señoritas ataviadas co traxe típico, o alcalde solicitoulle ao xefe do Directorio militar a construción de estradas, un grupo escolar, ampliación dos muelles e dragado do porto, a redención dos foros e o indulto do soldado Ángel Iglesias, veciño de Cangas.

No salón de actos, despois dos discursos e vivas a España, ao Rei, ao exército, a Primo de Rivera e a Martínez Anido, o ditador prometeu cumprir coas peticións pero só sabemos que o Ministerio de Fomento agradeceu o recebimento dado e que mandou 200 plataneiros dos que algúns aínda dan sombra en Cangas. Logo partiría de Cangas cara Vigo no vapor "María Luisa" entre vivas, os sons da banda, repenique de campás, foguetes e o ouleo das sereas de cento cincuenta vapores de pesca que o escoltaron no traxecto.

A visita a Moaña tería lugar o día 28 pola tarde arribando á vila o barco "Caramiñal", procedente de Vigo. No mesmo, xunto co ditador e o seu séquito, viña Alfredo Saralegui, promotor dos pósitos, a quen na mañá deste mesmo día se lle impuxera en Vigo a Gran Cruz da Beneficencia. No peirao, ademais do Somatén, foi recibido pola corporación local co alcalde Ernesto Carballo á frente e o presidente da Unión Patriótica, o avogado Laurentino Espinosa Valladares. O único "civil" sen cargo institucional que puido acceder ao desvencillado peirao sería o coñecido gaiteiro "Casipolo" por razóns obvias derivadas do seu oficio.

Outra ocasión na que se reuniu o somatén cangués foi en outubro do 1928 con motivo da visita do comandante xeral dos somaténs Rafael Rodríguez Rivera, acompañado do xefe auxiliar Rafael González Besada. Sobre a presenza do capitán xeral da 8ª rexión militar en Cangas, un domingo, vestido de paisano e sen repercusión mediática, cabe especular con que tivese un carácter máis ben familiar se temos en conta a coincidencia de apelidos co cabo do somatén e co seu pai, Pedro Rodríguez Pérez, tenente da Garda Civil retirado e alcalde de Cangas nomeado polo Directorio.

A esta convocatoria tamén acudiron algúns membros do partido único Unión Patriótica (U.P.) fundado no 1924 por Primo de Rivera para darlle un carácter máis civil á ditadura militar. Este partido comezou a organizarse en Cangas a mediados de setembro do 1925 e dous meses despois constituiría a sua primeira directiva, contando en Cangas con cincuenta e cinco afiliados máis outros poucos que se irían sumando nas parroquias do concello.

O párroco de Cangas, Valentín Losada, era o presidente honorario e Francisco Fernández Cervera foi o presidente efectivo durante todo o periodo da Ditadura. O vicepresidente era o xa nomeado alcalde e garda civil retirado, Pedro Rodríguez Pérez; secretario, o mestre José Monje (Manuel Lagoa no 1927) e os vocais Camilo Enríquez Pozzi, José Olivera, Luis Bolívar, Manuel Núñez García (médico en Aldán); Álvaro García, César Abellás (médico en Coiro); Daniel Eiroa; Arcadio Villar; Ángel Iglesias e o médico José González Graña Pepe Arís (en 1927).

Agustín Jáuregui tamén se significaría como militante e xunto con membros da directiva decidiron abrir un Casino (denominado Centro Recreativo y Cultural) onde poder xuntarse e celebrar actos e festas. Unha das últimas intervencións do somatén cangués foi a mediados de maio do 1928 no Porriño, a onde acudiu, xunto coa corporación e a directiva da Unión Patriótica, para cumprimentaren a Primo de Rivera.

Intervencións do Somatén

Aparte disto, e seguindo a tónica xeral de Galicia, só cabe suliñar como únicas intervencións na zona, as do somatén de Cangas, efectuada unha polo seu cabo José Rodríguez que detén a un pai e un fillo por roubaren un eucalipto na Choupana. Outra actuación foi a do somatenista Manuel Otero Rios, presidente da Sociedade "La Unión" e concelleiro, que en xullo do 1924 xa se destacara por pedir a redención dos foros en nome das sociedades agrarias. Agora volvería a sobrancear por levar a cabo a detención dun veciño seu do Hio por facer escándalo público estando bébedo. O "poder" do que se consideraba investido este veciño de Liméns levaríao a ser multado polo alcalde Pedro Rodríguez por descortesías cara el e desobediencia á Xefatura de Montes.

Outras "importantes actuacións" do Somatén cangués foron as practicadas por Arcadio Meira que apresaría a un veciño de Moaña por portar arma de fogo sen licenza e as dos somaténs Benjamín Caamaño e José Solla que deterían a tres mozos por un furto nunha finca. Contodo, cabe destacar que varias veces tivo que desprazarse a Cangas o comandante da Garda Civil, Salvador Gómez Fuentes, para comprobar se estas denuncias eran fiables e non conlevaban abuso de poder.

Como pode verse claramente, as anecdóticas actuacións do somatén no Morrazo non diferían moito das levadas a cabo en Galicia e que en términos xerais, xa mencionamos anteriormente.

*Mestre e investigador

Compartir el artículo

stats