Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Máis biblioteca das madeiras do mundo

O taller de Agustín Bastón en Rodeira pecha mañán esta peculiar exposición

Agustín Bastón, na exposición de libros de madeira feitos por máis de un centenar de autores. // G.Núñez

"A los que corren en un laberinto, su propia velocidad les confunde", avisa Séneca desde unha peza de madeira de camelio intervida pola pintora Diana Cordero; "Historias de un mar sonado" é a traballada aportación de Tania Ulloa, con talla e pintura sobre pino do Caribe; Pilar González Mourín escolle madeira de casaurina, abundante en Centroamérica, para imprimir unha figura indíxena; e de Sudamérica procede o jacarandá co que os colombianos Carolina Gamboa e Javier Rodríguez plasman un fragmento de Cien años de soledad (...Porque la soledad le había seleccionado los recuerdos...) e outro dun ensaio de Eduardo Galeano ("¿Es América Latina una región del mundo condenada a la humillación y a la pobreza?").

A arte como reflexión e pensamento abunda na quinta entrega da "Biblioteca das madeiras do mundo", unha iniciativa de Agustín Bastón que xa logrou implicar a máis dun centenar de persoas, moitas delas artistas, para que interveñan sobre os soportes de madeira que lles brinda. Desde que abriu o 17 de maio con 26 novas aportación -o que eleva a colección por riba das 135- xa recibiu unha morea de visitantes, mesmo da TVE e da TVG, e os interesados aínda teñen hoxe e mañán para disfrutar delas no estudio anexo ao aserradeiro de Rodeira.

"Carne mansa de longa espera..." é un poema do filósofo Xabier Alcalde sobre madeira do pino manso caído sobre a capela de San Roque, que tamén recolle unha nota manuscrita referida ao recordo dun incendio acontecido no Eirado do Costal; Manuel Pequeño estampa unha nota musical sobre madeira de arce; a araucaria de folla ancha é a elixida por Moncho Pego para crear unha metáfora do sexo como tabú; mentres que Mario Soage opta pola australiana gymnoclaudius diodicus para expresar unha reflexión: "A xente que máis criticamos é aquela que coñecemos mellor, as que máis nos importan na vida".

Melu Graña avanza un volume no "Disionario morrasense" (a piesa, anoses, bichicomas, changüí, chafarís, espingallar...), e en madeira de bankia serrata Luis Manuel Buján viaxa á orixe: "El árbol, el árbol de la vida/ el árbol solitario,/ el árbol de la sombra y de la fruta,/ el árbol de los pájaros...") A árbore como epicentro da creación, como cerne desde o que voa a imaxinación.

Compartir el artículo

stats