Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Manuel Pazos Varela: "Non nos preocupa sorpaso ningún, so seguir mellorando Cangas"

"Houbo persoas que entraron no goberno co obxectivo de gañarme nestas eleccións"

Xosé Manuel Pazos, na Praza Fina Acuña. // Gonzalo Núñez

Chega ás eleccións do domingo coa fama de ser a persoa que fixo posible que o goberno de esquerdas perdurara. Agora asegura que non lle preocupa o famoso sorpaso, que a ACE lle preocupa seguir mellorando Cangas.

- Vostede, que foi mestre de escola, que nota se poñería despois de catro anos na Alcaldía?

-Sigo a ser mestre de escola e como tal prefiro que me cualifiquen a cualificarme eu mesmo. O día 26 de maio a cidadanía de Cangas poñerame a nota que merezo, sexa esta cal sexa. Eu agardo que teñan en conta a actividade desenvolvida, como as humanizacións e as melloras xerais nas parroquias que levaban anos agardando ou a atención a toda a veciñanza. A mellora da calidade de vida. Con eses parámetros agardo, polo menos, aprobar.

- A sona que leva é a de ser o responsable de que o tripartito non rompese.

-Coido que ese traballo ía nas miñas funcións: tentar coordinar e cohesionar tres grupos distintos nunha única dirección que era e segue a ser mellorar Cangas. Houbo tensións nalgúns temas, non llo vou negar, pero tampouco foron tantas as diferenzas programáticas como para poñer en perigo o pacto tripartito. Ás veces os pequenos desencontros se deron máis por cuestións de personalidades que por posicionamentos distintos dos grupos. Houbo persoas que entraron co obxectivo, desde o primeiro día, de gañarme a min nas seguintes eleccións, outras que pensaron que se podía ser goberno pola mañá e oposición pola tarde. Iso foise superando co tempo, e a miña función foi tentar achegar posturas, como, por outra banda, corresponde á Alcaldía.

- Gastáronse demasiadas enerxías nese empeño e por iso se desatenderon outras cuestións?

-Non, para nada. O empeño de que o goberno funcionase formou parte do noso día a día con total normalidade e non considero que se perdese o tempo ou que se desatendese nada. Atendeuse todo o que había que atender, outra cousa é que se puidese solucionar por carencias nosas ou por falta de colaboración doutras administracións. Se se atendese e se solucionase todo xa non me volvería presentar e marcharía en loor de multitudes, claro, pero non é así. Persoalmente queremos seguir atendendo as cuestións principais e secundarias unha lexislatura máis.

- Por favor, non me diga que van sacar adiante un PXOM e un Plan para Massó. Xa non llo cre ninguén, nin a vostede nin a ningún outro.

-Pois dígolle que si. O de crelo ou non xa é cuestión de cada quen. O PXOM en Cangas é certo que leva demasiados anos empantanado, pero non vou cargar eu coas responsabilidades de quen tivo doce anos a Alcaldía e non foi quen de sacalo nin con maioría absoluta, o mesmo que asinou convenios urbanísticos irrealizables e gastou os cartos dos mesmos. O noso compromiso foi para esta lexislatura e é para a seguinte: o documento vai saír adiante. Xa está moi adiantado e despois das eleccións vai empezar a súa explicación pública á veciñanza e aos colectivos políticos e sociais. E a partir de aí a cumprir os prazos legais para a súa aprobación. Pero a sociedade ten moito que dicir, claro.

- Aceptaría un goberno no que entrase o PSOE?

-En principio a pregunta debería ser facérselle ao PSOE, pero polo que a nós respecta, por suposto que aceptariamos un pacto cos socialistas ou con outros grupos de esquerdas, sempre que fose sobre unha bases programáticas moi claras. O fundamental é o que se quere facer e con quen se pode facer.

- Cre posible unha alianza contra natura na que o PP e o PSOE estivesen involucrados ou se chamase un goberno de "salvación municipal".

-Vostede mesmo o di, coido que sería un pacto contra natura entre forzas antagónicas e eu confío en que as persoas do PSOE nunca chegarían a iso porque tampouco existe ningunha situación de emerxencia municipal.

- Por un lado apostan pola municipalización e por outro privatizan servizos tan importantes coma o mantemento do alumeado.

-Non hai contradición ningunha. Apostamos pola municipalización de servizos básicos, pero lémbrolle que a electricidade en España non é xestionada por ningunha empresa pública. Nós temos municipalizada a brigada eléctrica que o vai seguir estando e atendendo colexios, e outros edificios públicos. O alumeado público queremos cambialo todo pois que está obsoleto e mesmo perigoso, ademais de incumprir totalmente os parámetros de eficiencia. Podiamos ilo facendo a cachiños e tardar vinte ou trinta anos en melloralo todo ou ir a unha concesión e facelo xa. Optamos por isto último en beneficio das persoas usuarias, non das empresa.

- Foi un brinde ao sol o da municipalización da auga e tamén da recollida de resíduos?

-Por suposto que non. Co da auga estamos e temos preparados estudos que demostran a viabilidade da municipalización. Estaría feita se o PP atendese a petición da oposición no 2014 e non asinase a concesión á UTE por 25 anos. Agora, toca ir a unha rescisión coa empresa antes e o asunto ten unha maior complexidade, mais non desistimos. O da recollida de resíduos hai que debatelo cos concellos de Bueu e Moaña e estase niso. Hai unha renovación transitoria mentres non se define exactamente que sistema queremos e cal é o mellor para as necesidades da Mancomunidade.

- De rebeldes a clásicos?

-Persoalmente fun, son e seguirei a ser unha persoa inconformista e, polo tanto, rebelde. Na rebeldía está o afán de superación e a procura de novas metas. Rebelde sempre, mesmo que, como representante institucional dun Concello haxa que engadir ás veces unhas pingas de aceptación. Clásico, na política, nunca. Clásico, o Teatro e a Arte, ademais de contemporánea, claro.

- Por que non foi posible a unidade da esquerda en Cangas?

-ACE leva desde o ano 2007 tentando avanzar e consolidar a unidade da esquerda en Cangas. Nacemos daquela dun pacto político entre distintas forzas e persoas que viñamos dun traballo conxunto de anos na rúa, na defensa dos intereses populares. A unidade non se constrúe con dúas ou tres reunións a título individual. As organizacións políticas son fundamentais nestes procesos e os programas e a loita conxunta que cemente esa unidade, máis aínda. Outra xente non pensará o mesmo e alimenta outros procesos nos que eu, realmente, nin sei o que hai detrás nin sei onde camiñan, con que horizonte. Pretender construír a unidade da esquerda prescindindo de toda a bagaxe das organizacións políticas, para min é un erro, pero cada quen é dono de coller o camiño que pense que é mellor ou que máis lle interesa.

- Que resultado é un fracaso?

-Ningún, pois calquera que fose representaría a vontade popular. Se gañamos é que o que se fixo foi positivo para a xente. Se perdemos é que o fixemos mal ou non soubemos chegar á cidadanía.

- Abandonaría a política municipal se non repite como alcalde?

-Non. Pido un período máis e vou estar, sexa no goberno ou na oposición, onde o pobo decida. Despois abandonarei o consistorio, pero a política, local ou global, non a vou deixar nunca porque forma parte substancial de min. É dicir, deixarei os cargos, pero non a acción política.

Compartir el artículo

stats