Preto de un centenar de músicos do Hío, a maioría gaiteiros e percusionistas, reuníronse onte no entorno do cruceiro para renderlle homenaxe a Anxo Gago, "Lito", que foi mestre de moitos deles. A comitiva citouse no Pereiro para afinar os instrumentos e partir arredor das seis e media da tarde en pasarrúas cara ao emblemático cruceiro. Na explanada do aparcamento agardaban unhas 200 persoas, que asistiron á interpretación conxunta de tres pezas vencelladas ao mestre homenaxeado: "Muiñeira de Eiravella", "Muiñeira de Pinténs" e "Pasodobre de San Roque". Tamén actuaron varios grupos con integrantes do Hío, e para rematar entregáronlle a familia e ao Concello senllas réplicas da gaita que simboliza o monumento a Lito.