"Máis que nunca queremos galego porque a situación do galego é crítica", comezou o manifesto lido onte en Cangas por Henrique Harguindey diante dun centenar de persoas que secundaron o chamamento da Plataforma Queremos Galego en defensa da lingua propia. A pesares dos atrancos institucionais, xudiciais e sociais que sofre, e de que unha de cada cinco mozas e mozos de catro a 15 anos "non saben falar galego", segundo cifras dos organizadores, "a situación non é irreversíbel, porque se pode modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza", proclaman.

O acto, celebrado de forma simultánea en 13 localidades galegas e coincidindo co Día das Letras, foi presentado por Camilo Camaño. Entre os presentes, o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, e outros representantes políticos e sociais da comarca. O BNG repartiu ramiños de flores coa lenda "Serei inmortal se ti me falas".