Na Asociación Cultural O Gato, de Vilariño, a directiva esquiva as fotos para evitar protagonismos individuais porque o traballo é de grupo e queren poñelo en valor, sinalan varios dos seus membros, que esta noite terán que recoller o Premio Xohán de Cangas á Labor Cultural. "Ao mellor mandamos ao Gato", ironizan en referencia ao seu símbolo, aquel Artista ao que lle puxo letra Manolo da Ponte e música o grupo A Roda, dándolle a inmortalidade máis alá das sete vidas que lle atribúe a tradición.

O Gato, este con maiúscula, simboliza dúas décadas de traballo en favor da cultura e a música tradicionais e da aldea como xérmolo dese saber común. Aldea que pon en valor o seu, pero que se abre ao mundo para ensinalos en eventos como a Festa Folc de Vilariño, que este ano acada a vixésima edición e que supón un exemplo de como facer ben as cousas con escasos recursos institucionais pero moitas gañas. "Para que isto funcione necesítase o traballo colectivo durante todo o ano", abundan os seus representantes, que consideran "unha gozada que cando cumprimos 20 anos nos dean este galardón", do que nin siquera sabían que estaban nominados e que os anima a "continuar na loita".

A Festa Folc, que se celebrará o 17 de agosto cun cartel musical á altura do 20º aniversario, é o evento máis mediático, pero a Asociación O Gato está detrás da Semana Cultural Marta Entenza, na que destacan tamén a mostra de instrumentos de música tradicional e outras actividades para grandes e pequenos, ou a travesía a nado á Pinela de Vilariño, cada 1 de xaneiro. "Somos un equipo", din, e dan exemplo con feitos.