A Asociación de pais e nais de minusválidos psíquicos do Morrazo (Aspamsim) coa colaboración de alumnos e alumnas do Instituto IES Monte Carrasco e o músico e profesor Sé Pumar celebran hoxe as Letras Galegas, ás 18.00 horas, na Praza das Pontes de Cangas, cunha adaptación do poema do poeta local Bernardino Graña "O gato na tasca mariñeira".O venres, no propio día das letras, o Concello de Cangas celebra a súa Festa da Cultura cunha gala no Auditorio Municipal na que se entregan os Premios Ignacio Cerviño á Promoción e Recuperación do Patrimonio; e Xohán de Cangas á Creación Artística ou Literaria e á Labor Cultural.

Por outra banda, a Asociación Cultural "Con de Nerga", coa colaboración da Asociación de veciños Malladoiro, organiza o venres a súa quinta edición das Día das Letras Galegas, coma unha xuntanza veciñal con música en directo, exposición e xantar, onde o prato principal é o churrasco "a prezos populares". Será no entorno da "Casa Garita" de Nerga.

Este ano, a exposición será da artista local Mercedes Piñeiro, con cadros en óleo e acrílico. A inauguración será ás 12.30 horas nesta Casa da Garita e amenizada polo grupo de Penderetira@s da Garita. A exposición poderá visitarse tamén o sábado e o domingo, de 17.00 a 20.00 horas. Xa a partir das 17.00 horas, o dúo Verde menta farase cargo da música en directo.

En Moaña, a programación das Letras ofrece hoxe un festival da Asociación de Mulleres, as 22.00 horas no Auditorio Daniel Castelao, en Quintela. No cartel hai exhibición de zumba, actuación do grupo de panderetiras "Na abada" de Xabier Blanco; de Raíces da Terra; de pandereteiras "Ardora" y del Coro Chorima da AA.MM, y sketches teatrais.

O venres, no palco da música da alameda de Moaña hai, as 12.30, un festival folclórico con Breogán, Charaviscas e Solaina; e as 20.00 no Colexio Reibón, un festival coral, que organiza Coral Moañesa e Amigos da Farra.

Xa en Bueu, o Concello (coa colaboración da Comisión de Festas Patronais de Cela, a Deputación de Pontevedra e a Consellería de Cultura e Turismo) organiza este xoves, 16 de maio, ás 21.30 h "Sons no Eirado", co que se potenciará a cultura e tradición musical galega. O programa arrancará coa actuación de Blues do País, dúo formado por Bieitta James e Pepe King que unirán as raíces do blues e soul americano coa música galega.

Ás 23 horas será a quenda da banda Xangai, un grupo no que conflúen nomes importantes da música galega, de bandas xermolo do movemento Bravú e posteriores como Os Diplomáticos de Montealto (Xurxo Souto e Pulpiño Viascón), Os Papaqueixos (Xan Xove e Antón Díaz), Gharbanzo Neghro (Nacho), Dios Ke Te Crew (García), As Garotas de Ribeira (Sofía), A Magnifique Bande dos Home Sen Medo (Martiño Mato e Olivier Cano), etc. A banda Xangai é moito máis que un grupo. colle prestado o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia e Cataluña.

Ao día seguinte, 17 de maio, cando se homenaxe a Antón Fraguas polas Letras Galegas, desenvolveranse actividades nos lugares de Sanamedio e Cela.