15 de mayo de 2019
15.05.2019

Letras Galegas con premios, xuntanzas, festivais e música no Morrazo

En Cangas hai Gala da Cultura; en Moaña, actuacións de mulleres e coros e en Bueu blues con música galega e Romaría da Sanamedio

15.05.2019 | 15:03
Unha actuación na Gala da Festa da Cultura de Cangas do ano pasado no Auditorio. //

A conmemoración das Letras Galegas enchen de actos a comarca do Morrazo. A Asociación de país e nais de minusválidos psíquicos do Morrazo (Aspamsim) coa colaboración de alumnos e alumnas do Instituto IES Monte Carrasco e o músico e profesor Sé Pumar celebran este día mañá xoves, ás 18:00 horas, na Praza das Pontes de Cangas, cunha adaptación do poema do poeta local Bernardino Graña "O gato na tasca mariñeira".


Aquí non hai silencio porque hai homes
falan os homes falan
aquí non pasa o vento esa fantasma
os homes falan falan
e fórmase outro vento outro rebumbio
unha fantasma feita deste fume
este fumar sen tino estas palabras
e pasa un suave gato que é da casa.

Beben viño coñac
berran discuten contan chistes mascan
un pouco de xamón tal vez chourizo
o gato ulisca cheira mira agarda
vai á cociña vense ao mostrador quixera
un anaquiño de boa carne un chisco
de tenrura algún queixo unha migaIla€.

Aquí non hai vagadas nin roncallos
non se ven os cabezos nin as praias
o taberneiro bole saúda cobra serve fala
cambea mil pesetas chama á muIler á berros
e contesta ao teléfono ás chamadas
e os homes berran moito cheos de ira
e rin e danse a man e nada pasa.

O gato calandiño ergue as orellas
tan maino tan suavísimo sen gana
cruza por entre as pernas entre as botas
altas botas de caucho contra as augas co seu rabo
arriquichado e duro e tan en calma
e aquí non hai silencio que hai vinte homes
e están ben lonxe os mares que arrebatan.

Se acaso o gato mira os ollos do borne
guicha en suspenso escoita en paz agacha
unha orelliña aguda e indiferente
lambe teimudo e calmo unha das patas
e se acaso durmiña e abre un olIo
e ve que os homes beben fuman discuten moito non se cansan
de ensaladilla callos mexilóns anchoas
e viño e viño e viño tinto e branco en tantas tazas
e esgarran cospen entran saen empuxan brindan cantan
e a radio está acendida e óese música
e o gato pasa indemne comprendendo ten costume son os homes
non se espanta.


O venres, no propio Día das Letras, o Concello de Cangas celebra a súa Festa da Cultura cunha gala no Auditorio Municipal na que se entregan os Premios Ignacio Cerviño á Promoción e Recuperación do Patrimonio; e Xohán de Cangas á Creación Artística ou Literaria y á Labor Cultural.

Por outra banda, a Asociación Cultural "Con de Nerga", coa colaboración da Asocaición de veciños Malladoiro, organiza o venres a súa quinta edición do Día das Letras Galegas, coma unha xuntanza veciñal con música en directo, exposición e xantar, onde o prato principal é o churasco "a presos populares". Será no entorno da "Casa Garita" de Nerga.

Este ano, a exposición será da artista local Mercedes Piñeiro, con cadros en óleo e acrílico. A inauguración será as 12:30 horas nesta Casa da Garita e amenizada polo grupo de Penderetira@s da Garita. A exposición poderá visitarse tamén o sábado e o domingo, de 17:00 a 20:00 horas. Xa a partir das 17:00 horas, o dúo Verde Menta farase cargo da música en directo.

En Cangas tamén hai convocada unha manifestación, organizada pola Plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 700 entidades, pra esixir "liberdade, igualdade e xustiza para o galego". Desde o BNG animan a manifestarse, ás 12:00 na Praza do Concello. No local A Fonte do Galo, actúa as 21:00 horas o ferrolán Manolo Bacalhau, que foi membro do grupo Xarabal, Sarivas, gravou con Os Cempés o volumen 2 de Le Printemps de la Cornemuse e que presenta "Sondobar".


En Moaña, a programación das Letras ofrece mañá un festival da Asociación de Mulleres, as 22:00 horas no Auditorio Daniel Castelao, en Quintela. No cartel hai exhibición de zumba, actuación do grupo de panderetiras "Na abada" de Xabier Blanco; de Raíces da Terra; de pandereteiras "Ardora" y del Coro Chorima da AA.MM, y sketches teatrais.

O venres, no palco da música da alameda de Moaña hai, as 12:30, un festival folclórico con Breogán, Charaviscas e Solaina; e as 20:00 no Colexio Reibón, un festival coral, que organiza Coral Moañesa e Amigos da Farra.

Xa en Bueu, o Concello (coa colaboración da Comisión de Festas Patronais de Cela, a Deputación de Pontevedra e a Consellería de Cultura e Turismo) organiza este xoves, 16 de maio, ás 21.30 h "Sons no Eirado", no Eirado de Cela, co que se potenciará a cultura e tradición musical galega. O programa arrancará coa actuación de Blues do País, dúo formado por Bieitta James e Pepe King que unirán as raíces do blues e soul americano coa música galega.

Ás 23 h será a quenda da banda Xangai, un grupo no que conflúen nomes importantes da música galega, de bandas xermolo do movemento Bravú e posteriores como Os Diplomáticos de Montealto (Xurxo Souto e Pulpiño Viascón), Os Papaqueixos (Xan Xove e Antón Díaz), Gharbanzo Neghro (Nacho), Dios Ke Te Crew (García), As Garotas de Ribeira (Sofía), A Magnifique Bande dos Home Sen Medo (Martiño Mato e Olivier Cano), etc. A banda Xangai é moito máis que un grupo: colle prestado o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia e Cataluña.

Ao día seguinte, 17 de maio, cando se homenaxe a Antón Fraguas polas Letras Galegas, desenvolveranse actividades nos lugares de Sanamedio e Cela.

A Romaría de Sanamedio, organizada pola Asociación Cultural de Sanamedio, a Banda de Gaitas Os Liboreiros e o Grupo de Danzas Pais de San Roque, arrancará ás 12 horas da mañá no parque da Antiga Escola Unitaria (en caso de chuvia trasladarase ao Pavillón de Beluso) e ofrecerá unha gran diversidade de actividades a favor da lingua, da tradición e da cultura galegas. O encargado de ler o pregón será Guillerme Ignacio Costa, unha persoa moi vinculada coa labor de investigación no eido da tradición e nado na parroquia de Beluso. Ademais actuarán ao longo da xornada o grupo folclórico Meiramar Axóuxeres (Moaña), o grupo de danzas Pais de San Roque (Cangas), o grupo de gaitas Os Liboreiros (Bueu), o grupo Retrouso (Bueu), a A.C.D Xuntanza de Randufe (Tui), as pandereteiras As Falcatrueiras (Cangas) e Os Mulos (Bueu).

Ás 13.30 h, farase unha lectura pública da biografía de Antón Fraguas e de textos doutros homenaxeados nas Letras Galegas, dando paso ás dúas a xogos populares, polo que os e as participantes poderán probar a corda, os aros, os zancos, os sacos, o tiro á chave, a xincana...

Pola tarde, ás 15.45 h, o grupo Polo Correo do Vento ofrecerá unha sesión de animación infantil con contacontos e debuxos, seguido de actuacións musicais diversas. Xa ao remate, o concelleiro Xosé Leal fará entrega de agasallos ás agrupacións participantes. Ademais, no recinto haberá servizo de cantina, postos artesáns, tómbola, sorteos e intercambio de libros de segunda man.

Na parroquia de Cela, a Asociación Cultural Costumes de Cela organiza ás cinco da tarde, o acto de entrega dos premios do 1º Concurso de Micorrelatos e do concurso de debuxos para nenos/as de primaria, que será presentado por Diana Vilas, mestra do IES Illa de Ons. A actividade celebrarase no Adro de Cela e contará coa animación do grupo de baile tradicional Recordos da Nosa Terra.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Comeza un ano máis o Concurso Illas Cíes no que os nenos e nenas de Vigo nos contan como ven eles as Illas Cíes

FaroEduca