Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Julio Villanueva: "Á xente gustoulle a nosa oposición e eu estou encantado de seguir na loita"

"A nosa candidatura é un exemplo de integración, aquí hai xente de Anova, Unidas Podemos, En Marea e ecoloxistas", di o candidato

Roteiro del BNG en Banda do Río.

Julio Villanueva foi concelleiro co BNG entre 2003 e 2007, incluíndo un ano no goberno local. Actualmente é militante de Anova e preséntase por segunda vez como candidato a Alcaldía por Asemblea Cidadá Bueu (ACB), que nesta ocasión leva o sello de En Marea.

-Que está a percibir por parte da xente, sobre todo despois de que houbese un momento no que barallaron non presentarse?

-Aquilo foi unha estratexia, queríamos ver como recibía a xente esa posibilidade. A verdade é que houbo moitas persoas que nos animaron a seguir e presentouse xente para cubrir os postos de saída da candidatura, que era o máis difícil. Despois do acto de presentación da fin de semana no Aturuxo, que estivo cheo, estamos ilusionados e con moitas ganas de traballar. Aos veciños gustoulle a oposición que fixemos, ao mellor non tanto as formas, pero eu son como son. Eu estou encantado de seguir na loita.

-Cales son as expectativas coas que saen nesta nova cita electoral?

-É algo difícil de definir. É unha situación complexa porque temos que tratar de chegar a xente cansada de maiorías absolutas, pero tampouco queremos voltar ao pasado. Non queremos volver á represión policial que sufriron, por exemplo, os pais e nais por reclamar una educación digna. O voto para ACB é un voto para Bueu. Non estamos tutelados por ningún partido político pero ao mesmo tempo aquí están todos: En Marea, Anova, Podemos, ecoloxistas... Nese sentido Bueu é un exemplo de integración: aquí están Unidas Podemos e En Marea. Cos votos das pasadas eleccións xerais subiríamos con respecto a 2015 e teríamos ata tres actas de concelleiros. Cremos que se pode conseguir.

-Cando ACB-En Marea confirmou que finalmente se presentaba dicía que catro anos máis de maioría absoluta serían "insoportables" e falaba de "influír" nun goberno de esquerdas. Como se pode traducir iso?

-Creo que catro anos máis de maioría absoluta serían insoportables, pero non para min, se non para Bueu. Dito isto, nós loitaremos para que as forzas da dereita non gañen as eleccións. E iso quere dicir que o voto útil pode ser precisamente o noso. Se ACB-En Marea non é a forza máis votada dentro das esquerdas apoiaremos ao partido de esquerda con máis apoio e permitiremos que a esquerda goberne. Pero ollo, iso non é un cheque en branco.

-Poderían formar parte dun hipotético goberno de coalición?

-Poderíamos formar parte dun goberno sen ningún problema. Temos xente con experiencia, como Carlos Otero (número tres) ou eu mesmo, e outra con ilusión e ganas, como Tila Currás e Dana Díaz. Pero insisto: temos moi claro o que queremos. Iso significa que ou se consegue ou nós marchamos.

-Cales son as propostas electorais que destacaría do programa co que ACB-En Marea concorre a estas eleccións locais?

-O primeiro a transparencia total dentro do goberno, a cidadanía debe saber que se fai e en que se traballa. A continuación sinalaría a necesidade de municipalizar os servizos que están privatizados, como a xestión tributaria. Aí tamén incluímos á piscina: aínda non está decidida a súa xestión, pero pelexaremos para que sexa totalmente pública. O terceiro eixo é o da mobilidade. Bueu necesita un cambio para mellorar as condicións da xente con mobilidade reducida, maiores, nenos... e iso pasa por humanizacións. En cuarto lugar apostaremos por poñer en valor todo o que ten Bueu, que implicaría o coidado de instalacións municipais, medio ambiente, desbroces... E en quinto lugar Bueu debe ser un pobo que xenere traballo, pensamos que o polígono de Castiñeiras pode potenciarse máis. Tampouco renunciamos a uns orzamentos participativos.

-Nesta convocatoria concorren ata cinco candidaturas. Como pode afectar esa fragmentación do voto?

-Reflicte unha tendencia que vén a nivel estatal. En Bueu había tres partidos, hai catro xurdimos nós e agora Ciudadanos. Teño que recoñecer que alégrome que aquí non se presente Vox. É verdade que iso mobilizaría á esquerda, pero góstame que esa ultradereita antidemocrática non se presente. Esta división do voto pode servir para que non haxa maiorías absolutas e obrigue a pactar, o cal considero como algo bo para un pobo.

-Con independencia das promesas electorais que fixou antes, cales entende que deben ser os retos de Bueu como pobo para os vindeiros catro anos?

-Contar cun Regulamento de Participación Veciñal, aprobar a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello e prepararse para poder recuperar a xestión municipal do auga. A concesión de Aqualia remata en 2025 e defendemos que desde tres anos antes desa data hai que empezar a traballar para municipalizar o servizo.

-Vostede foi concelleiro do BNG e recentemente, cando falabamos da súa candidatura ao Senado, referíase a eles como "os meus irmáns". Que lle reprocha ao BNG de Bueu e a Félix Juncal para volver a encabezar unha candidatura distinta?

-Eu fun concelleiro do BNG e Carlos Otero tamén, nos catro anos da primeira maioría absoluta de Félix Juncal. Pensamos que foi un gran alcalde nos primeiros dous mandatos e deulle a Bueu un cambio importante. Dixen hai catro anos que nós queremos ser a voz e a conciencia da esquerda deste pobo. O BNG está levando a cabo políticas que non se corresponden cunha forza nacionalista e de esquerdas. O alcalde, a pesar do que diga, está como apoltranado e necesita volver a ilusionarse. Vemos certa desidia nel e no goberno.

-Nesta campaña xurdiu un tema un tanto inesperado: a illa de Ons.

-Vou ser sinceiro: creo que todos os partidos estamos a facer política con ese tema. Nós os que menos porque eu digo o que penso. Gostaríame que fosen os propios veciños os que levasen á Xunta a súa proposta e fun eu quen pediu que viñesen con nós. Non é o mesmo ir os representantes municipais a falar coa Xunta que ir con 200 ou 300 veciños detrás. Pero creo que deberían ser eles, sen políticos diante, os que acordasen en asamblea o que queren e levarllo á Xunta.

-Non conseguiu a acta de senador. Poderá conseguir o posto de alcalde?

-Se non hai unha maioría absoluta sempre podo esixir a Alcaldía se queren o meu voto[risos]. Agora en serio, iso vai depender da cidadanía. E aínda que o 27 de maio non me vexo alcalde, si que podería valer.

Compartir el artículo

stats