A programación arredor do Día das Letras Galegas, adicado este ano a Antonio Fraguas, conta con seis días de actividades en Moaña, segundo presentou onte o concelleiro de Cultura, Carlos Juncal. Comeza hoxe, ás 18.00 horas na biblioteca de Quintela, cun Rechouchío para nenos que consiste nunha romaría de homenaxe a Fraguas.

Mañá ás 21.00 horas no auditorio de Quintela, Teatro Charaviscas porá en escea a obra de teatro "O florido pensil". O luns 13, no salón de plenos, haberá unha conferencia sobre o autor a cargo da escritora Malores Villanueva. Será ás 20.30 horas.

O xoves 16, no auditorio de Quintela a Asociación de Mulleres organiza un Festival das Letras ás 22.00 horas con zumba, pandereteiras e o Coro Chorima.

O día 17, o propio día festivo polas letras, haberá un festival folclórico ás 12.00 horas no palco do paseo. Actuarán as agrupacións Breogán, Charaviscas e Solaina.

O mesmo 17 de maio pola tarde haberá un festival coral nas instalacións do CEIP Reibón, ás 20.00 horas, organizado pola Coral Moañesa e Amigos da Terra.

O programa deste ano se pechará o sábado 18 tamén con dous eventos. Ás 19.00 horas Charaviscas organiza un Festival das Letras Galegas no centro Rosalía de Castro de Domaio. Ás 20.30 horas, na igrexa do Carme, haberá un festival coral das Letras Galegas organizado polo coro Santa Eulalia.