Os colexios Nazaret, en Cangas, e Espiñeira, en Aldán, acollerán os vindeiros meses de xullo e agosto os "Enredos de verán", un programa de talleres, xogos cooperativos, dinámicas de grupo e actividades náuticas destinado a nenas e nenos de catro a 12 anos. As familias interesadas deben facer a inscrición na Casa da Xuventude (Rúa Real, 29) de 9.00 a 13.30 horas, co 28 de maio como data límite, segundo figura no programa presentado onte polo concelleiro Tomás Hermelo e técnicos municipais.

Os participantes non poden ter nacido despois de 2015 nin ter cumpridos os 13 anos antes da finalización do campamento. Para ser admitidos é necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio nin trastorno de conduta e/ou de comportamento que dificulte a convivencia. "Enredos de Verán" quere facilitar a participación de menores con discapacidade, e por iso ten un cuestionario de necesidades especiais para prever o persoal de apoio. As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% poden participar se non precisan da axuda de terceira persoa e ten capacidade de integración nun grupo.

Nesta edición, os Enredos de Verán en Aldán faranse os dous meses no colexio de Espiñeira, xa que o Sagrada Familia vai realizar unhas obras e non estará disponible, sinala Hermelo, que convida ás persoas interesadas a consultar as bases na páxina web do Concello; https://cangas.gal/portal-cidadan/noticia/gl/532. Tamén se poden descargar os formularios de inscripción. "Animamos ás familias a facelo e traelos cubertos a Xuventude, xa que isto facilitaría o traballo e aforraría tempo", incide.

Os prezos estipulados son os seguintes: Por semana enteira, 25 euros/ semana; tres días á semana (luns, mércores e venres), 15 euros/semana; dous días á semana (martes e xoves), 10 euros/semana. Para o campamento náutico, unha quincena, 45 euros; e o prezo do comedor será de catro euros por día. Cando o importe a aboar por unha familia supere os 200 euros, poderá fraccionarse o pago, a petición da persoa interesada, sinalan desde o Concello de Cangas.