"Co tempo que levamos celebrando esta Festa do Muíño, hai algo que non cambia: antes o muíño era lugar de encontros e amoríos, e hoxe tamén", celebrou Soaxe, fillo de Carmiña e Antonio -labrega, gandeira, costureira e muiñeira ela e el home adicado ao muíño e ao monte comunal-, que animou a compartir momentos de alegría, "a saudarvos, abrazarvos, cantar, bailar e rir" ao ritmo da música e da moenda da fariña milla no muíño de Fausto. Un froito que centos de persoas xa degustaban a esa hora na contorna, sexa en bola de pan, con ovos fritos ou en empanada, e acompañado por outros produtos naturais elaborados na parroquia.

"Levo máis de 50 anos visitando este muíño e agora son un dos seus herdeiros", comezara Soaxe un pregón repleto de referencias á súa infancia nunha casa de Verín á beira do Bouzós, auga repleta de peixes e vida, lugar de xogos e carreiro franco polo que subir a pé ata a Fraga de Coiro e chegar a Hermelo, no nacedouro do río, e tamén a vía de comunicación máis curta pola que baixar ata O Sinal, en Cangas. Relatou historias que se contaban nas tabernas e acontecían nesas paraxes á luz do candil, que propagaba temores nos que se agochaban o Rachador ou a Sacaúntos, pero tamén oficios que se foron perdendo, como o ferrador de vacas.

O pregoeiro reclamou a posta en valor dos montes, obxectivo no que levan décadas traballando os comuneiros, o acondicionamento das ribeiras e a restauración do patrimonio etnográfico arredor dos máis de 25 muíños da parroquia. Recoñeceu o labor desinteresado dos muiñeiros Antonio Queimaño, Manolo Boubeta e Clemente. Repasou como foi medrando ese espazo para a festa mercando leiras desde 1991 e rendeu homenaxe ás diversas especies de árbores que enriquecen as beiras do Bouzós, algunhas das cales el mesmo plantou. "Saberedes que hai teorías coma a do "Shinrin-yoku" que demostran que o poder do bosque é moi saudable, relaxante e terapéutico. Estamos nun deses lugares, ainda que sexa pequeno", sinalou, e botou man dalgunhas cantigas vencelladas a este patrimonio.

Para rematar, Manuel Soaxe, como directivo da Comunidade de Montes, reivindicou as tradicións e a necesidade de darlle continuidade aos traballos comunitarios, o reparto de horas para moer, regar as veigas coas levadas rateadas ou a aproveitamento dos recursos do monte veciñal. Lembrou que colaboran con colexios e institutos, como A Rúa, Castrillón ou Rodeira, replantando os montes, e mesmo a súa responsabilidade en "asilvestrar un pouco ao alumnado" impartindo clase en plena natureza. Grazas e viva o muíño de Fausto!, proclamou, antes de que a banda de gaitas Tromentelo volvera a tomar o escenario para amenizar o xantar a carón do muíño.

Nos arredores, a xente buscaba apousento entre pezas escultóricas de Henrique Prado que remiten ao universo vitivinícola, mentres a auga do Bouzós acariciaba o rodicio e nas casetas da organización, a asociación cultural Cacarexo, arrecendía o aroma dos produtos tradicionais que daban máis argumentos ás ganas de celebrar.