A Festa do Muíño de Coiro vive hoxe o seu día grande, que incluirá a lectura do pregón ao cargo do secretario da Xunta de Montes de Coiro, Manuel Soaxe Bernárdez. Será a partir das 13.00 horas, no entorno ao redor do muíño ubicado ao carón do Bouzós. Previamente a asociación A Illa dos ratos organizará un roteiro centrado nos muíños de auga desta parroquia canguesa, unha marcha que sairá ás 11.00 horas desde a explanada das pistas de atletismo. O pregón estará amais precedido pola entrada e actuación da Banda de Gaitas Tromentelo, dirixida por Sara Malvido, que chegará ás 12.30.

Ao longo de toda a xornada haberá un posto para adquirir os elementos tradicionais desta celebración, así como diversas especialidades gastronómicas: pan de millo, empanadas de millos, ovos con migas... Tamén haberá postos de venda de produtos naturais elaborados na propia parroquia de Coiro. Amais estará a exposición de esculturas de Henrique Prado, "A carón do muíño de Fausto", que se poderá visitar durante toda a xornada.

A partir das seis da tarde haberá unha nova quenda de actuacións para botarlle o peche á XXX Festa do Muíño. Intervirán Viravolta Títeres e actuarán a Escola de Acordeóns de Tromentelo e o grupo musical Pardal na Rúa, acompañados de Lina e Lola.

Xornada do sábado

Ao longo da xornada de onte as actividades repartíronse entre o entorno do muíño e o colexio público de Castrillón. No recinto educativo celebrouse unha nova edición da festa infantil que organiza a asociación Tromentelo, mentras que a música e o baile tradicional foron os protagonistas no emprazamento do muíño, a carón do río Bouzós. Alí celebrouse un festival infantil no que participaron o Grupo de Baile Pais de San Roque, a Escola de Gaitas e Pandereteiras de Tromentelo, Peis D'Hos e Lembranzas da Ría. Pola noite foi o turno para o folc de Lumieiras e Os Terribles de Donas.