Nunha segunda etapa na vida desta fábrica de Ameixide debemos engadir o nacemento neste lugar o 3 de novembro 1896 dunha nena chamada Leopolda María del Carmen, filla de Manuel Ventín Piñeiro, natural de Pontecaldelas e de Peregrina Araújo Rolán, veciña de Vigo polo que a conserveira está en funcionamento. Intuímos que aquí tiñan a súa morada e deberon exercer como caseiros.

Citaremos por amos e señores desta fábrica á familia Curbera, na que estaría á fronte o industrial José Ramón Curbera Puig. Do seu avó Zenón Curbera, temos datos da súa presenza en Aldán. Non sabemos certo en que ano se fai propietario deste edificio, mais damos por feito que antes do 1907. Alí aínda se atopa unha fermosa pía granítica coa inscrición J.R.C 1889 probablemente traída ata Pinténs dende outra nave conserveira. Consideramos que estas iniciais pertencen ao mencionado industrial. Amalia, irmá do señor Curbera Puig, estivo casada con outro importante conserveiro da Ría de Aldán, Juan Buet Nogueira, quen finou na cidade da Coruña en 1896.

José Ramón foi un dos homes con máis influencia no progreso industrial vigués. Foi un experto capitán no bergantín "Nuevo Feliz" no que fixo varias viaxes entre ás cidades de Vigo e da Habana, levando á bordo numerosos pasaxeiros e importantes cargamentos. Ao abandonar a vida marítima estableceuse en Vigo, dedicándose cos seus irmáns aos negocios coloniais. Anos despois separouse da sociedade mercantil da que formou parte e estableceuse de maneira individual no mesmo ramo.

Máis tarde dedicouse á fabricación de conservas en unión dos seus fillos varóns dando así un gran impulso á industria conserveira, sendo a súa no barrio do Areal, a de maior produción en Vigo.Tamén foi membro da corporación municipal e doutras entidades. Era unha persoa admirable por ser un dos fundadores do Banco de Vigo e o primeiro presidente do Consello de Administración desta institución local. Fixo na prensa varias campañas a prol da supresión dos fielatos e foi un dos máis antigos subscritores do xornal Faro de Vigo.

De firmes ideas democráticas e foi tenente alcalde na primeira república estando como alcalde Primitivo Blein. Casou con Epifanía Fernández Conde e da súa unión naceron : Amalia, Epifanía, José Ramón e Julio. Finou 8 de maio 1918 á idade de 89 anos. Seu primoxénito José Ramón casou con Fermina Alonso Lamberti, cuxos apelidos tamén están unidos a familias relacionadas coa industria da conserva. Eles seguiron coa administración da industria conserveira.Tiveron catro fillos :José, Fermina, Margarita e Leopoldo Curbera Alonso. José Ramón finou o 15 de xuño de 1937 sendo veciño de Teis.

Algunhas persoas foráneas que traballaron na fábrica de Pinténs

Coa chegada e modernización da nova maquinaria xa para o labor da conserva, percibimos a presenza no Hío de persoas con apelidos que proveñen do norte do país, como Manuel Ibusquiza Landín, de oficio maquinista, que aínda que declara ser natural de Teis, seu pai Gregorio, ferreiro de profesión, procedía de Allo, en Navarra. Manuel traballou de maquinista nesta fábrica e casou con Sofía Campos da cidade de Ourense. A finais do s.XIX teñen tres fillos no Hío de nome Constantino Antonio, Manuel Eladio e María Peregrina Ibusquiza Campos.Viviron nunha casa do Igrexario que no 1932 mercou José Arturo Calvo Pastoriza que máis tarde, no 1956, vendeu a Faustino Suárez Sotelo.

Outro exemplo de procedencia noiesa e orixe vasca é o apelido Olascuaga que moraban en Darbo e se desprazaban ata Pinténs para traballar segundo a información oral recollida. Tamén traballou nesta conserveira Antonio Allica Ortugue, natural de Bermeo (Bilbao), quen casaría con Adelaida Padín Villar, veciña do Igrexario, froito do matrimonio nace no 1914 Ignacio.

Engadiremos que o 10 de agosto de 1914 faleceu á idade de catro anos na Ameixide, José Priegue y Priegue, fillo de José, natural de Vigo e de María, oriúnda de Pontecesures.

Desde 1963 ata o seu peche total, Juan Fernández Gutiérrez, natural de Donón, exerceu aquí de escribente ás ordes de don José Curbera xunto a unha gran cantidade de traballadores e traballadoras das parroquias do Hío e Aldán. Aos seus 83 anos goza dunha formidable memoria. Como encargado exercía Juan Fiel que hoxe debe superar os 90 anos. Destacamos o gran movemento laboral que existiu nas décadas 50/80 dando traballo a numerosos mariñeiros que descargaban aquí a pesca e a unha cantidade importante de mulleres empregadas na conserveira. Ata aquí viñan barcos de Portonovo, Ribeira ou mesmo de Portugal para descargar peixe. Embarcacións locais como "Nuevo Soto Justo" de Juan Valladares Taboada de Aldán; "Peralta Nº1" de Antonio Santomé; "Lolo" de Manuel Martínez; "Sil" patroneado por Antonio Sotelo; "Fe, Esperanza y Caridad" patroneado por José Prieto, os barcos de Ángel e José Pardavila e os distintos números do "Gude" de Aguiño.

Moitos veciños, sobre todo de Vilariño, recordan como na súa infancia acudían ao peirao da fábrica cada vez que divisaban ao "Barco Rojo" de nome "Vamos Indo III", pois era sinal de que os rapaces que ata alí acudían levarían peixe para súas familias.

A familia Curbera rexentou esta fábrica de Ameixide ata a década dos anos 90 do pasado s.XX, pechando de xeito definitivo no 1996. Hoxe existe un proxecto para construír un complexo hoteleiro que estando dentro dunha mesura construtiva, nunca se sabe, podería dar emprego á xente da nosa contorna.

*Veciño do Hío