19 de abril de 2019
19.04.2019

A fábrica de Ameixide na aldea de Pinténs (I)

A través de documentos do Arquivo Histórico de Pontevedra, o autor reconstrúe a historia desta industria

19.04.2019 | 02:13

O veciño do Hío e investigador Anxo Coya achega nesta ocasión un traballo de investigación ao redor dunha das industrias emblemáticas da comarca do Morrazo: a fábrica de Ameixide, na aldea de Pinténs e fronte á ría de Aldán-O Hío. a investigación divídese en dúas partes, da que hoxe achegamos a primeira, e afonda na historia que deu lugar con esta industria que primeiramente foi de salgado, logo quedou abandonada e máis tarde funcionou como conserveira, antes de volver ao seu estado de abandono. Unha historia vencellada á familia catalana de apelido Lluch.

Aos que foron empregados da fábrica de Ameixide, entre eles miña nai e miña avoa

Ollando o libro "Las Familias de la Conserva" de Xoan Carmona Badía, un atópase cunha célebre frase de Séneca que no seu "Diálogo, De brevitate vitae X, 2" manifesta: "A vida divídese en tres etapas: a que foi, a que é, a que será. Destas, a que estamos vivindo é breve; a que imos vivir, dubidosa; a que temos vivida, auténtica". E coido que ten razón. Falemos, entón, do pasado e da historia dunha fábrica de salgado. Aínda que non é sinxelo seguir a pegada dunha industria, mergullándonos entre os protocolos notariais do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra e outros documentos tentaremos facelo, xa que son unha fonte importante para seguir a estela de fábricas e outras industrias que pasaban dunhas mans a outras a través de alugueres ou compras.

No que atinxe ás fábricas de salgado que existiron nas costas da nosa comarca do Morrazo, dedicamos neste artigo un anaco da historia dunha gran industria que durante case dous séculos exerceu primeiro como fábrica de salgado, despois quedou abandonada e máis tarde funcionou como conserveira. Atópase na aldea de Pinténs (O Hío), na fermosa Ría de Aldán.

Porén é preciso navegar ata primeiros do s.XIX. No 1804 un adiñeirado persoeiro do comercio de Vigo xa tiña construído o almacén de salgar sardiña denominado Meixide. Este home de procedencia catalana e de nome José Manuel Lluch Tapias, edificou esta fábrica nun momento importante para a pesca da sardiña. Era fillo de Andrés e de Rosa, naturais de San Andreu de Llabaneras (Barcelona). José tiña outro irmán chamado Juan Jaime Lluch, quen sería o antecesor e patriarca dun apelido que aínda se conserva na parroquia do Hío, hoxe transformado en LLuque ou Yuque. O 22 de febreiro de 1804, dentro da casa Reitoral do Hío redactouse a venta, efectuada por Martín de Otero e outros veciños, dun terreo denominado Ameixide de Abaixo cos seus lindes correspondentes incluíndo un arroio de auga, xa que este era un ben indispensable para laborar o peixe.

O 3 de maio de 1805 varios veciños do Hío, notifican que antes desa data arrendaron a don José Lluch o seguinte: "...un retazo de terreno pedragoso con algún toxo de muy poco producto que hará una sembradura de un ferrado poco mas o menos que es derecho qe hacen en donde se llama Meixide de Loureiro en la Aldea de Pinténs término de dha fra. del Hío contiguo al Almacén que allí construhió dho Lluc para fábrica de sardina...". Foi un arrendamento por espazo de tres anos para que este industrial poidese extraer a pedra para edificar in situ a fábrica como nos indica outro documento: "...cortar y aprobecharse de quanta piedra necesitase para sus obras, y estando corrido un año...".

Unha vez transcorrido o primeiro deses tres anos de arrendamento, varios veciños do Hío acordan poñer en pública poxa e así vender este terreo. Os distintos predios foron poxados por Félix Faus, apoderado de José Lluch, pola cantidade de 2.500 reais. No período transcorrido entre 1805 e 1810 a compra de numerosos terreos á cargo de Juan Jaime Lluch Tapias no nome do seu irmán José acontece dun xeito acentuado, incrementando así o terreo que pertencía á dita fábrica de Pinténs.

Juan Jaime Mariano, así aparece na partida bautismal, naceu o 18 de novembro de 1778 en San Andreu de Llavaneras e será o encargado de administrar todo o relacionado co edificio de Pinténs, chegando a asentarse dun modo definitivo e casar no Hío o 12 de febreiro de 1814 con María Benita Martínez Lemos, veciña do Igrexario. Sabemos que chega a ter débedas e dilixencias con don Antonio Iglesias y Boan, cura do Hío. Despois dun acordo asinado co seu irmán José, Jaime fai reclamación dunha cantidade de diñeiro importante, 12.000 reais, polos traballos e outros menesteres desenvolvidos no almacén. Interpón demanda contra José Luch e José Eugenio Táboas, ámbolos dous grandes comerciantes na cidade de Vigo. Deducimos que nos litixios, a sentencia non foi favorable para Jaime, pois este chega a estar preso no 1829 no Castelo de San Sebastián, tamén coñecido como do Castro en Vigo. Así se relata nun documento: "En la Ciudad de Vigo y Castillo del Castro a trece de Octubre del año de mil ochocientos veinte y nuebe: yo Essno. teniendo en mi presencia a Jaime Lluque, preso en dho Castillo del Castro ..." Isto debeu sumir a fábrica de Ameixide nunha situación de abandono total.

Sabemos que en 1860 esta fábrica atopábase nun estado moi ruinoso.Pertencía por aquel entón a dona Rosalía de Quirós y Lluque, veciña de Vigo, quen o 16 de xullo deste ano vende este edificio e demáis terreos adxacentes a don Francisco Gelpi, veciño de San Martiño de Bueu e coñecido fomentador do salgado, de quen tivo unha gran participación comercial no Hío e noutras parroquias. A compra foi efectuada nun prezo de 20.000 reais.

*Veciño do Hío

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Comeza un ano máis o Concurso Illas Cíes no que os nenos e nenas de Vigo nos contan como ven eles as Illas Cíes

FaroEduca