O Ateneo Santa Cecilia Club Unesco de Marín convoca o V Concurso de Relato Curto Marín Conta Letras Galegas 2019, aberto á participación de escolares de centros de ensino de Marín e, atendendo á súa proximidade xeográfica, orixe e residencia, tamén aos escolares dos diversos centros do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), e concellos de Pontevedra e Poio. Poden participar neste concurso todos os alumnos, cun único texto de creación literaria en lingua galega cunha extensión máxima de 500 palabras.

Establécense tres premios por cada categoría (Primaria, ESO e Bacharelato ou FP) e todos os finalistas recibirán, asemade, un diploma acreditativo da súa participación.

Actos

A entrega dos premios terá lugar o xoves 16 de maio as 20.30 horas no local social do Ateneo, previa a entrega terá lugar unha conferencia sobre Antonio Fraguas impartida por Malores Villanueva Gesteira, filóloga e investigadora coñocedora da figura de Antonio Fraguas.

Os participantes comprométense a asistir ademais aos actos programados polo Ateneo Santa Cecilia o 17 de maio de 2019 con motivo do Día das Letras Galegas, dar lectura pública ao seu texto se resultase finalista, e recoller os premios que puidesen corresponderlles.

Temática

A temática e xénero narrativo son libres, establecéndose como única condición que o relato aconteza en Marín. Os textos presentados deberán ser inéditos baixo calquera formato, non premiados en ningún curto certame anterior, nin estar pendentes de resolución doutro concurso.

Os relatos presentaranse baixo lema, acompañados dunha plica en sobre pechado. Na mesma figurarán os datos persoais do autor ou autora: nome, idade, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico, centro de ensino, categoría na que participa, e título do relato.

No caso de menores de 14 anos, a plica deberá ser asinada por un dos pais ou titores, facendo constar que autorizan a participación do seu fillo ou filla neste concurso. Ainda que hai que presentar os traballos mecanografiados, no caso de escolares de Primaria, aceptanse traballos manuscritos.

Prazo

No caso de resultar premiado, o Ateneo Santa Cecilia difundirá a autoría do texto nos medios de comunicación e redes sociais, así como a imaxe do seu autor.

Os traballos deben presentarse na sede provisional do Ateneo Santa Cecilia de Marín (Rúa do Forno 42, baixo). Poderán entregarse en persoa ou remitirse por correo postal. O prazo de recepción de obras remata ás 20.00 horas do 7 de maio de 2019.

O xurado estará formado por tres persoas, cuxo fallo será inapelable, e poderá declarar desertos os premios dunha ou máis categorías. O 13 de maio daranse a coñecer os traballos finalistas en cada unha das tres categorías do concurso (Primaria, ESO e Bacharelato ou FP). O Ateneo Santa Cecilia non devolverá os orixinais presentados a concurso.