A asociación Queremos Galego Marín presentou no Concello unha moción relativa á contaminación luminosa para o seu tratamento no pleno da corporación.Esta moción tiña dous obxectivos, por un lado dar a coñecer un problema do que a maioría da veciñanza non ten conciencia dándolle continuidade así a unhas xornadas das asociación sobre este tema en xuño do 2018. Por outra banda, buscan que desde o Concello se tomen medidas para paliar os efectos da contaminación nas persoas, na fauna e no ceo nocturno. Despois de deixala enriba da mesa no pleno do mes de marzo na procura dun consenso a moción tratouse na sesión plenaria deste mes de abril. Mais o que se aprobou non foi a proposta realizada pola Asociación Queremos Galego Marín.

Recorda o colectivo que "as investigacións realizadas nos últimos anos revelan que a iluminación artificial en horas nocturnas ten efectos disruptivos directos sobre os organismos, poboacións, ecosistemas e afectan aspectos como o metabolismo, a reprodución, a alimentación, equilibrios predador presa, orientación e migracións". Tamén din que "nos humanos unha variación na iluminación ambiental natural pode producir alteracións nos patróns da liberación de determinadas hormonas (melatonina, cortisol, prolactina e as hormonas do crecemento) e con iso desequilibrios orgánicos a distintos niveis".

Por último, tendo en conta o aprobado na moción reclaman que non acenda pola noite os grandes focos de luz que iluminan directamente as praias.