16 de abril de 2019
16.04.2019

As Mosas do Hío gañan o XX Concurso de Xiradela

Venceron na categoiría B con "Cantares da Mezquita" - As pandereteiras do colexio do Hío foron terceiras na categoría A

16.04.2019 | 01:56
As integrantes das Mosas do Hío coa súa mestra.

O grupo de pandereteiras As Mosas do Hío vén de gañar o primeiro premio no Concurso de Música Tradicional de Xiradela, celebrado na localidade coruñesa de Arteixo. A formación está integrada na Asociación Cultural Peis d'Hos e acadou o premio na categoría B, interpretando o tema "Cantares da Mezquita". O segundo posto foi para Os Xeitosos de Trazo, unha agrupación que estivo hai uns días en Cangas, participando no festival infantil organizado por Peis d'Hos no Auditorio municipal.

A comarca do Morrazo estivo representada no concurso de Xiradela por outras dúas agrupacións. Na categoría A estaban as nenas da escola de pandeireta do CEIP O Hío, que acadaron o terceiro premio coa súa interpretación de "Cantares de Baíste". Na categoría C competiron as mozas de Lina e Lola. Os tres grupos están dirixidos pola mestra de pandeireta e canto tradicional Nébeda Piñeiro, que "é responsable en boa medida dos éxitos destas mozas", destacan desde la asociación. "Todas estas mozas deron boa conta da calidade artística que atesouramos no Morrazo; o futuro da nosa cultura e tradicións está garantido", aseguran desde Peis d'Hos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook