Non parece desmesurado afirmar que vilas como Cangas dispuxesen entre as súas edificacións dun cárcere, dada a importancia da xurisdición que abarcaba. Resulta, porén, mais significativo que nas parroquias do Hío e Aldán tamén houbese cárcere. Temos constancia de que ata o s.XIX existía unha xurisdición, no que á vila de Cangas se refire, que abranguía a gran parte da Península do Morrazo incluíndo as parroquias de Domaio e San Tomé de Piñeiro. Máis había unha excepción, os Coutos de Aldán, Bon e Vilar, cuxa administración da xustiza ordinaria correspondía ao señorío da Casa e Fortaleza ou Torre de Aldao. Este nomeaba aos xuíces dos mencionados coutos que por lóxica disporían do seu propio cárcere con habitalidade para o xuíz. Ata agora son poucos os documentos nos que basearnos para tratar un asunto de certa importancia arredor das antigas prisións, pero grazas a algúns protocolos notariais consideramos que sea abre algo de luz sobre un anaco da nosa historia. É unha mágoa non poder consultar a documentación que probablemente exista no Pazo da Torre de Aldán, atoparíamos información que entre outros aspectos nos informarían sobre a ancestral danza de san Sebastián, preitos, arrendos, foros e un longo etc.

O Pazo do Outeiro, situado no Igrexario do Hío, foi construído no s.XVII (1686?) se temos en consideración a inscrición da base da cruz granítica que se atopa no dintel da entrada que da máis ao levante. Pertenceu ao licenciado Gregorio Suárez Parcero "El Viejo", membro do Santo Oficio da Inquisición. Este casal posuía no seu tempo un hórreo dunha lonxitude considerable que co paso do tempo sería reducido á metade. Este atópase enriba da soleira empedrada para mallar e secar os cereais. Baixo o andar da vivenda do pazo aínda perduran os calabozos que serviron de cárcere na parroquia do Hío. Un documento fálamos do cárcere público no Hío e pensamos que debe referirse a este lugar. Trátase dun protocolo do notario José Benito Bermúdez de Castro datado no 18 de xullo de 1798 no qu Martín de Otero, Francisco Gutiérrez e Santiago de Coya, veciños e labradores do Hío, din: "...que con motibo de haberse fugado de la carzel publica de este Domicilio Franº Regueiro, Juan de Meira y otros reos en ocasión de estar en su guardia y custodia Josef Martínez, Ramón de Lemos, Jph Benito Gutiérrez y Josef de Lemos tambien labradores de la propia vezindad a falta de carzelero se les arrestó y procedio contra ellos hasta el embargo de sus bienes y despues de varios recursos?"

Aínda que non se nos asegure que a mencionada prisión se atopase no Pazo do Outeiro, damos por feito que non pode ser doutra maneira, pois alí aínda se conservan as celas.

En canto á freguesía de Aldán, diremos que estivo vencellada dende hai séculos á nobreza polo que nos parece máis probable a existencia dun cárcere na parroquia e tamén por que abranguía xurisdicionalmente o Couto de Bon e Vilar. Durante anos abondaban nesta parroquia apelidos de distintas liñaxes como Arias de Aldao, Bermúdez de Castro, Romero y Bedoya ou Gayoso y Maldonado entre outros. Aquí atópanse dous fermosos pazos que hoxe presentan un penoso estado de abandono que reclama a berros un arranxo inmediato para que poidamos seguir disfrutando de tan prestixioso patrimonio histórico-etnográfico.

Somos coñecedores de varios protocolos notariais que nos achegan información sobre o cárcere público de Aldán. O primeiro deles lévanos ao 9 de setembro de 1720 e fálanos de José Benito Bermúdez de Castro como xuiz de Aldán e do Couto de Bon e Vilar. Este xuiz manda prender a un veciño de Aldán chamado Pedro Martínez por un dobre caso de incesto e adulterio. Pedro foi acusado de ter unha filla antes de casado e outra despois de estalo, pois ambas nenas eran fillas dunha moza solteira de nome Tecla de Menduyña y beyga, que á súa vez mantiña parentesco co nomeado Pedro. Despois de que a nai das criaturas fose interrogada, ambos foron presos "...y puestosele en la carzel al rreferido Pedro Martínez como tanvien a la rreferida tecla..."

O segundo documento está datado no 7 de xaneiro de 1740 e achéganos que José Mariano de Aldao Gaioso y Maldonado, dono e señor do Couto de Bon e Vilar, Casa e Fortaleza de Aldao, Villacoba, Amil, Moraña e Rozas, sendo veciño de Pontevedra, afora unha casa que se atopa preto do citado cárcere de Aldán: "... unha cassa terreña de dos vanes que se alla avaxo de la carzel de este dho coto con la guerta que se alla a espaldas de dha cassa por la parte del Oriente La qual llega a dha carzel, y entre ella y dha cassa que afora; yntermedia otra en que vive por arriendo Catalina de ferradans q una y otra es del vinculo y maiorazgo de dicho otorgante, esta cassa y Guerta que afora lindan por Sur y vendaval con la arena q vaña la mar con sus cresientes y por el poniente con camino q sale de dicha carzel y Yglecia de esta dha fra para los pasos que pasan a la Aldea de Bilariño...". Polos límites que nos amosa este documento, somos capaces de situar aproximadamente onde se atopaba o cárcere, pois estaría preto da preamar e tamén da igrexa parroquial de Aldán.

Xa con data de 23 de xaneiro de 1816, outro documento apórtanos máis datos da prisión. Un veciño do Hío chamado Domingo García e outro de Beluso, de nome Juan Antonio de la Torre, foron presos o día 16 de xaneiro dese ano por catro soldados e un escribán da cidade da Coruña. O texto di: " ... que siendo unos pobres labradores que no viben de otra cosa sino de su trabajo y labor del Campo hallandose el diez y seys del corriente Mes en sus Casas a deshora de la noche fueron sorprendidos, arrestados y conducidos, ignomeniciosamente a esta carcel por quatro soldados y un essno. Vezino de la Ciudad de la Coruña donde se conserban sin tomarles la devida confesion ni practicarles diligencia alguna, abandonadas sus casas y las familias y creciendo por un mero antojo y atropellamiento y no siendo justo sufran semejante vejacion..." Polo tanto sabemos que nesta data o cárcere seguía en vigor.

Para rematar e verificar totalmente a situación do cárcere de Aldán, sabemos que a señora María del Carmen Losada y Miranda, viúva de don José Quiroga y Prieto e filla de Francisco Javier Losada, Conde de Maceda e de San Román, tenente xeral dos exércitos nacionais e de dona Joaquina Miranda y Sebastiá, outorga un poder ao seu fillo don José Quiroga y Losada para que este poida enaxenar bens da súa nai. Como apoderado da señora María del Carmen asiste o Presbítero redondelán don Manuel Pérez Albán. Un deses bens é vendido e referenciado da seguinte maneira: "...es dueña en plena propiedad?Una casa de planta baja y un piso llamada cárcel sita en el lugar de San Cibrán de la parroquia de San Ciprián de Aldán en muy mal estado de conservación sin número..." O predio foi vendido a un labrador veciño de Aldán de nome Fernando Lorenzo Menduíña. Esta venta prodúcese en 1897 polo valor de 2500 pesetas e amósanos que esta edificación xa non exerce como prisión: "...La casa de afuera que antiguamente fue carcel con el Palomar inmediato a ella y si bien consta en union de mas propiedades..."

Hoxe a casa está moi reformada, máis no soto ou adega pódense apreciar algunhas pedras con restos de ferruxe producido polas cadeas que noutro tempo privaron aos presos da súa liberdade.

*Veciño do Hío