A Asociación Cultural Meiro abriu o programa de actividades do XXI Encontro-Degustación do Millo Corvo. Como é tradicional comezous coa muíñada no Canudo e coa queimada e lectura do conxuro. Se o millo corvo de Meiro pervive hoxe é gran medida ao empeño da asociación, que preside Victoria Martínez.

- Este ano a meteoroloxía do mes de marzo púxolle algo de suspense a edición do Encontro pola auga para a moer o gran do millo corvo. Conseguiron finalmente moer todo o gran? Temeron unha posible suspensión da festa?

-Si, finalmente conseguiuse facer a moenda. Tan sinxelo como reunirse, falar e poñerse de acordo. O muíño non consume auga, éntralle polo cubo e sae pola sateira.

- Neses días pregúntaballe pola posibilidade dunha moenda con medios eléctricos, algo que desde a asociación descartan. Explicaba que sería ir contra o carácter etnográfico da propia celebración.

-Un dos elementos máis salientable de esta festa é o seu valor etnográfico, polo cal, facer a moenda con medios eléctricos non sería unha opción viable. O muíño da Presa está en perfecto estado, que traballiño nos dá poñelo a punto todos os anos, precisamente porque aínda moe. Se deixásemos de utilizalo, probablemente estaría na mesma situación que os outros dous muíños rehabilitados polo Concello no ano 1997.

- O certo é que parece que o cambio climático está aquí para quedarse. Como lle foi á ultima colleita do millo corvo? E a intervención do xabarín?

-O xabarín é como o turrón, volve todos os anos. De feito é o primeiro en degustalo. O cambio climático é xa un feito moi evidente, temos que adaptarnos e aprender a convivir con el.

- O millo corvo leva xa máis de 20 anos de "encontros", un tempo no que a agricultura ecolóxica foi gañando cada vez maior importancia. Cales son as principais características do cultivo do millo corvo de Meiro?

-O principal é que se recuperou e se puxo en valor unha variedade de millo que estaba a piques de desaparecer e, ademais, o seu cultivo faise de forma tradicional, sen produtos químicos, sen tóxicos.

- Hai algúns anos estiveron no Encontro investigadores do CSIC [Graciela Blanch, 2012] para investigar os beneficios do millo corvo. Que conclusións lles trasladaron daquel estudo?

-Confirmaron as potencialidades do millo corvo como alimento, que ten un gran valor nutricional. En definitiva, que é un alimento moi saudable. Para continuar o estudo completo de toda a planta necesitanse recursos para a investigación.

- Un dos obxectivos que ten a asociación é o de recuperar as xornadas cos escolares. Que sería necesario para que os nenos e nenas da comarca puidesen voltar a ver como é o proceso do millo corvo?

-En primeiro lugar, conseguir unha parella de bois. En segundo lugar, que non poñan impedimentos para facer o que levamos mais de vinte anos realizando, a moenda no muíño do Canudo. E en terceiro lugar, dispoñer de maiores recursos.

- A programación de actividades e obradoiros para o Encontro volta a ser do máis variado. Cales son os criterios para elexir os invitados e temas que se tratan durante eses días?

-As iniciativas que poñan en valor os recursos que nos ofrece a nosa terra. As actividades que respecten a nosa contorna.

- Como vai ser a oferta gastronómica deste ano?

-Este ano, ademais das empanadas de diferentes variedades, os ovos fritidos con pan de millo e chourizo, bica... como novidades imos ter pasta feita con millo corvo, tortiñas de millo e algunha que outra sorpresa máis.

- Unha das peticións que fan cada ano é a dun maior apoio institucional. Cal é a situación nestes momentos? Cal cren que é o problema?

-Non sabemos moi ben onde está o problema, empezamos os preparativos con moitos meses de antelación pero non obtemos respostas ata unhas semanas antes da data programada para o evento, o que nos obriga a traballar contrarreloxo para poder sacar adiante a festa. Os problemas xurdidos este ano para facer a moenda, da mesma forma que todas as edicións anteriores, fannos pensar nun problema de comunicación. Primeiro denúnciase e despois fálase sobre o posible conflito de intereses e chégase a un acordo, ou polo menos inténtase. As iniciativas que nacen das mulleres, e máis no rural, tenden a infravalorarse, facendo todo máis complicado. Aos traballos que antigamente realizaban as mulleres rurais e aínda realizan non se lles dá a importancia que deberían ter.

- Que significaría para Bueu e para Meiro perder este Encontro, porque entendo que o millo corvo trascende máis alá dunha festa gastronómica?

-Polos parabéns que nos chegan pensamos que é unha data que moita xente a ten na súa axenda. Non somos os indicados para facer esa valoración, esa pregunta corresponderíalle respondela a outras persoas.Nós, como asociación cultural, estamos moi orgullosas de todo o que se conseguiu durante estes mais de vinte anos tanto en todo o que rodea ao millo corvo, é o primeiro produto galego incluído na Arca do Gusto da asociación internacional Slow Food no 2006, declarada Festa de Interese Turística no ano 2009, como no resto de iniciativas e actividades como a recuperación dos muíños do Canudo coa rehabilitación dos muíños da Laxe, Santos e Vilas no 2008 con financiación europea e en colaboración con Amigos do Morrazo Verde e a Asociación de Veciños Cabanouro, a publicación da Unidade Didáctica e da revista "A Lingua do Corvo", a creación dun Punto de Lectura na aldea no 2000 con aportacións de particulares e de institucións ata que se conseguiu a inclusión dentro da Rede Galega de Bibliotecas coa creación da Axencia de Lectura no ano 2003, a Concentración de Bicicletas unha das marchas cicloturistas mais lonxevas da comarca... Queremos agradecer as mostras de apoio de particulares e colectivos que nos chegaron estes días ofrecéndonos os seus muíños de auga.