Neste día 3 de abril de 2019 cúmprense 40 anos das primeiras eleccións municipais, encadradas na folla de ruta que marcaba o proceso nomeado como Transición cara a democracia. Estas eleccións, que había 46 anos que non se celebraban, eran fundamentais para pechar o proceso de democratización de todo o estado ao abranguer o piar básico do mesmo como eran os 69.613 concelleiros a elixir nos 8.041 concellos que cubrían todo o territorio. Os grandes partidos, desde as primeiras eleccións xerais do 15 de xuño de 1977 xa viñan urxindo a democratización dos concellos, ata agora aínda en mans de alcaldes franquistas, nomeados polos gobernadores civís. Os principais partidos, con todo, mantiñan certas dúbidas sobre a participación da xente, ainda non moi habituada a tanta votación, pois tamén tiveran que participar no referendo de aprobación da nova Constitución española e nunhas novas eleccións xerais no día 1 de marzo deste mesmo ano 1979, a un mes escaso das municipais. Nestas últimas eleccións xerais a abstención alcanzaría un 32,57% do censo e no anterior referendo constitucional fora do 32,89%, agardándose un aumento da mesma nas eleccións municipais que de feito alcanzou case o 50% sendo tantos os votantes como os abstencionistas, a pesar de que desde a maioría dos partidos se insistía na disxuntiva da elección entre ditadura ou democracia.

Neste contexto electoral municipalista de 1979 tamén se vai producir, pouco antes das eleccións, un preacordo marco entre as dúas grandes forzas de esquerdas, PSOE e PCE para conseguir que fosen de esquerdas o maior número de alcaldes. Estes acordos estaban abertos tamén a outras forzas políticas de esquerda e entre as previsións estaba a de facerse coas alcaldías de moitas capitais provinciais e vilas importantes como así aconteceu, aínda que Unidade Galega desvincularíase destes pactos en abril, disconforme co reparto de alcaldías na cidades.

Se por algo se caracterizaron estas eleccións foi pola enorme lista de partidos de todas as cores que se presentaban ás eleccións, algúns deles anticonstitucionalistas e outros aínda ilegais que concorrían en coalicións e con outros nomes. Aínda que no Morrazo as votacións trascorreron con certa normalidade, sen feitos notables que suliñar, na Galicia interior con poboacións máis illadas, houbo o "tradicional" carrexo de votos con autobuses precintados, reparto de votos á entrada dos colexios electorais e incluso secuestro de furnas ao notar os caciques locais que os sobres marcados e impresos por eles non medraban. Neste sentido, as prácticas coactivas e manipuladoras dos partidos de dereitas, con máis medios económicos, foron sibilinas e inxeniosas, quedando rexistradas tantas nas Xuntas Electorais de Zona, que darían para encher páxinas dun anecdotario de malas prácticas democráticas. Pero tamén cabe dicir que a falta de experiencia dos compoñentes das mesas electorais na aplicación do regulamento eletoral e incluso o baixo nivel cultural de moitos deles, eran campo abonado para que os numerosos interventores dos partidos impuxesen a veces os seus criterios.

Os pronósticos sobre a alta abstención habían confirmarse, sendo en Bueu dun 44%, en Cangas do 43% e en Moaña do 41%, máis baixo que a media estatal En Bueu concorrerían catro partidos e en Moaña e Cangas cinco, sendo a gobernamental UCD a que acadase a maior porcentaxe de votos pero sen conseguir as alcaldías polos pactos dos partidos de esquerdas. As espectativas do PSOE eran tamén altas pois nas pasadas eleccións xerais xa se aproximara en votos á UCD pero as deste partido tamén o eran, ao non concorrer nos concellos aos que nos referimos, ningunha candidatura da Coalición Democrática (CD) de Fraga, antes chamada Alianza Popular (AP). Pero onde máis se palpaba o trunfo da UCD era en Cangas coa "fichaxe" como cabeza de lista do aparellador e funcionario do Goberno Civil, Antonio Velloso, acompañado de César López Freire como segundo, integrando na lista a Manola Avendaño Gandón que sería a primeira muller concelleira en Cangas. Velloso non só era un personaxe moi popular en Cangas por ser o presidente do Alondras e o artífice da construción do campo de fútbol, senón que ademáis era notoria a sua amizade co Rei e co presidente do goberno Adolfo Suárez, quen en plena campaña electoral en Vigo non dubidou en achegarse a Cangas para apoiar a sua candidatura, a pesar do mal tempo daquel día.

Mais, como dixemos, as furnas non lle foron favorables a ningún dos dous grandes partidos e as alianzas electorais déronlle a alcaldía de Bueu a Xosé Novas do BN-PG, a de Cangas a Xosé Chapela "Chimé" e a de Moaña a Xabier Abalo do BN-PG. En Bueu, o acordo de goberno asinaríase entre BN-PG, PSOE e UG; en Cangas entre o PCG, BN-PG e UG e en Moaña entre BN-PG e UG.

A conxuntura electoral actual con tantas eleccións previstas garda, ao menos na temporalidade, unha certa similitude con aquelas primeiras, tamén moi seguidas, e pola importante actividade das forzas franquistas, daquela Fuerza Nueva e agora Vox. Incluso no referente aos gobernos municipais, tamén existe unha certa coincidencia, pois desde aquelas primeiras eleccións municipais, o BNG contaría con alcaldes en Bueu e Moaña e en Cangas sería do PCE, o mesmo que hoxe. Ao que se ve, como se dun bucle temporal se tratase, a historia, con certas variantes, volveu a repetirse...

Apuntamentos sociolóxicos

As dúas eleccións xerais, a consulta constitucional e a democratización do ámbito público e privado (sindicatos verticais, Hermandades, peche dos medios de comunicación do Movimiento...) facíanse baixo a ollada con lupa da CEE, organismo do que España quería formar parte e que conlevaría tamén, a pesar da oposición, a entrada na OTAN. O clima social estaba moi tenso e enrarecido polo chamado "ruido de sables" nos cuarteis e os atentados de ETA, dos GRAPO e da extrema dereita franquista coa bomba que puxeran na cafetería madrileña California 47 que deixara 9 mortos e 40 feridos. Entanto Galicia permanecía libre destas actividades agás a presenza de elementos da ultradereita e do Batallón Vasco Español que se abastecían de armas e munición no Portugal da "Revolução dos Cravos". A legalización da francmasonería por unha banda e a sinatura dos acordos coa Santa Sede para garantir o ensino da relixión, irritarían á dereita e á esquerda respectivamente.

A revolución sandinista en Nicaragua era a noticia que copaba as páxinas de internacional dos xornais e as nacionais ocupábanse da aprobación dos estatutos de autonomía de Euscadi, Cataluña e Galicia. O de Galicia contaría cun gran movemento de apoio inicial (Estatuto dos 16) para ser reprobado posteriormente na rua ao se considerar pouco ambicioso e carente de competencias xa que fora elaborado polo partido da dereita no goberno autonómico e do que o mesmo Adolfo Suárez recoñecería que se equivocou neste asunto pero, con todo, seguimos como daquela.

En Galicia acontece o primeiro accidente e vertido de cru do petroleiro "Andros Patria" frente a Malpica a noite de Fin de Ano xa advertía do perigo que representaban estes barcos para as nosas costas e tamén o naufraxio do "Marbel" nas Cíes, aínda seguía presente para as xentes do mar un ano despois. A práctica do nudismo, o campismo libre, o asentamento de "jalpóns de uso ajrícola" e o contrabando do "rubio de batea" marcarían un xeito de ludismo moi particular e controvertido nestes tempos que tiña tamén uns practicantes menos ambicios nas salas de festas e nos disco-bares, cun tempo de ocio e preferencias pola música heavy e o jazz. As actividades culturais tiñan como eixo dinamizador ao antigo Casino, chamado agora Centro Cultural e controlado por membros afíns á esquerda e o nacionalismo que organizaba charlas e exposicións sobre temas de Galicia.

Cangas xa contaba cunha nova Casa do Mar inaugurada polo rei tres anos antes pero seguía a voltas cos problemas do abastecemento de auga e o lixo almacenábase e queimábase en Baralonga. A CNT, só cuns poucos vellos militantes en Cangas, vai renunciar á Casa do Pobo, ao contrario que os da Hermandad de Labradores que seguirían a usufrutuar o seu local. O Balonmán Cangas, integrado no Alondras, xa mudara as ruas polo pavillón de Romarigo e danse os primeiros pasos para a creación dos campeonatos Keniata de verán. Pasado pouco máis dun mes destas eleccións bastantes cangueses e o apoio dos alcaldes da zona, sairon á rua a protestar polo traslado laboral de Mariano Abalo, funcionario de Correos, a Barcelona, asunto que se viu como unha manobra política para alonxar a este político nacionalista de Cangas. Outro asunto a destacar foron as protestas dos usuarios do transporte de ría pola falta de seguranza e a crise na empresa Cruceros de la Ría de Vigo con paros dos traballadores que darían pé á nova operatividade de Vapores, cuxos incumprimentos reiterados polo monopolio que exercía, levarían logo a graves conflitos en Cangas.

*Investigador e historiador