23 de marzo de 2019
23.03.2019

Unha ruta para cantar polos bares de Cangas

Peis d'hos organiza mañá unha cantada para recuperar os cantos populares de taberna

23.03.2019 | 02:22
Unha imaxe de 1961 na de Macillos con veciños que participaran nunha cantada. // Arquivo L.Guimeráns

A Asociación Cultural Peis d'hos proponse cambiar ese dito de "a chorar a Cangas" polo de "a cantar a Cangas". O colectivo, coa colaboración da Concellería de Cultura, leva tempo querendo recuperar a tradición dos cantos populares e de taberna e mañá domingo recibe a primaveira cunha cantada por diversos locais do centro cangués. Un roteiro que comezará ás 12.00 horas e que pasará pola Tapería Octubre, Tapería O Pelao, Manolo Mañanita e Taberna O Rincón.

"Non somos un coro, nin unha comparsa, nin un orfeón nin ofrecemos un concerto. Trátase de cantar para desfrutar, de recuperar a tradición que sempre houbo no noso pobo de cantar nos bares e nas tabernas", explica desde Peis d'hos Miguel Sotelo. A de cantar nos bares e tabernas é unha tradición arraigada en Cangas, mais foise perdendo co paso do tempo. Con este tipo de roteiros onde a voz e o canto tradicional, popular e de taberna serán os protagonistas quere recuperarse este vello e sonoro costume.

Esta vai ser a segunda "Cantada de primaveira" que organizan desde Peis d'hos, á que hai que engadir outra máis que se fixo durante as festas do nadal. Quere ser unha proposta destinada "a desfrutar da nosa música popular e tradicional de forma colectiva". Para iso contactou con outras asociacións e convida a participar a todas aquelas persoas que queira sumarse a cantar cancións que "de sobra son coñecidas por todos e todas", suliña Miguel Sotelo.

Ao mesmo tempo, esta cantada de primaveira ten outro obxectivo, que é o de recuperar esas cancións que se cantaban antigamente nos bares e tabernas e que algunhas delas se perderon. "Queremos facer un chamamento a toda aquela persoa que teña na memoria cancións de antes das que se cantaban en Cangas e no Morrazo, desas que se cantan pouco ou que xa non se cantan e que foron quedando no esquecemento. Pedímoslle que se poñan en contacto con nós para aprendelas, recuperalas e que non se perdan", solicita Miguel Sotelo. E, por suposto, para poder cantalas nunha nova ruta cantada.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Comeza un ano máis o Concurso Illas Cíes no que os nenos e nenas de Vigo nos contan como ven eles as Illas Cíes

FaroEduca