Incluimos aqui a Manuel Torres Martínez, pintor de Marín (1901 - 1995) por ter realizado algunhas pinturas sobre Cangas e a penas imos dar unhas pinceladas da sua biografía e estensa obra por ser de dominio común e estare abondo divulgadas. Contodo, debemos resaltar o carácter espontáneo e autodidacta da sua obra cunha aprendizaxe das técnicas pictóricas, xa colaborando con outros artistas ou a través de viaxes formativas ou financiadas pola Deputación. Tamén exerceu de correspondente do Faro de Vigo na sua vila e colaborou con outras publicacións baixo diferentes seudónimos. Mestre de profesión, ao ser destinado a Vigo, toma contacto coa vida da cidade sustituindo a Maside como colaborador gráfico e viñetista no Faro de Vigo e acudindo ás tertulias de xornalistas no café Derby. Con Castelao e Maside, co que tivo grande amzade, tamén se ocuparía dos debuxos, caricaturas e viñetas que se publicaban na revista Céltiga. Na sua fecunda obra utilizou técnicas como o óleo, a augarela, gravados mixtos de forte expresionismo, abstractivo e esperpéntico, característicos pasteis en brancos, negros e ocres e sanguinas, destacando tamén as expresivas paisaxes galegas. Por incorporarse ás novas tendencias tamén experimentou novos métodos como o óleo rascado, pintura sobre formica, a augada a unha soa cor ou a utilización do spray como complemento. Donaría moitas das suas obras ao Concello de Marín que lle correspondeu póndolle o seu nome ao museo municipal.

Ernesto Bao Garrido

Non temos moitos referentes deste pintor vigués (1920-1988) pero sabemos que tiña relación co Morrazo pois a sua nai, Consuelo Garrido Vilas era matrona en Bueu e casou co tamén pintor Ernesto Bao Curuxeira natural de Vigo. Durante un tempo residiu en Cangas, nunha casa perto do restaurante Simón onde adoitaba pintar e onde se conservan tres magníficos murais con motivos mariñeiros e rurais, destacando o que representa o porto do Berbés pola sua abigarrada composición de figuras e a sensación de esforzo e movimento que transmite. Foi un artista tamén moi prolífico interesándose por todos os xéneros, ainda que basicamente predominan na sua obra as figuras, as paisaxes, as naturezas mortas (bodegones)... en formatos convencionais e en mural no que foi gran especialista. O deseño de cartaces, a ilustración de libros revistas e a expresión publicitaria foron outros campos nos que experimentou a sua pintura, utilizando o óleo e a sanguina preferentemente. Moi autoesixente como artista e ainda que tiña acumulada moita obra desde moi novo, non sería ata mediados de século (XX) en que estrease exposición en Vigo, percorrendo logo galerías de Nova York, Porto Rico, Venezuela, Portugal, Alemaña e Madrid. Entre os seus referentes figuraba Sorolla, Muñoz Degrain ou José Segrelles, obtendo varios premios en concursos e figurando a sua obra mural en diversas institucións de diferentes países.

O último dos pintores que reseñamos é Jesús Otero Fernández do que só sabemos que naceu en Vigo en 1924 (noutras fontes 1919) e que tivo relación co pintor cangués Martínez Rodal, que tamén participou nas bienais de arte de Pontevedra entre 1970 e 1979, que no 1980 participa nunha exposición colectiva da Caja de Ahorros Municipal de Vigo e que varios dos seus cadros tiveron a Cangas como motivo, sendo esta a razón principal de incluílo nestas reseñas. Poderiamos completar este relatorio pictórico co tamén recoñecido pintor de Bueu, José Otero Baena "Pepé" (1925) que, ainda que non coñecemos ningún cadro seu de Cangas, formou parte da xeración artística dos dous anteriores.

* Historiador e mestre de Cangas