Fundado en Cangas en 1925, o Colexio Plurilingüe Compañía de María pertence a unha rede de 22 colexios de toda España que teñen o compromiso coa educación por bandeira.

O centro vén de estrear un novo modelo pedagóxico, Signa, unha proposta personalizada, na que o alumno é único e irrepetible e o protagonista da súa propia aprendizaxe. A proceso educativo adáptase ás súas necesidades, fortalezas e aspiracións para permitirlle desenvolver todo o seu potencial académico, aspirando tanto á excelencia educativa como persoal.

O colexio é tamén un lugar de aprendizaxe para a vida, onde os valores son fundamentais na formación das persoas e durante todo o proceso educativo, dende Infantil até Secundaria.

No Compañía de María, as aulas convértense en espazos de traballo dinámicos e construtivos onde se promove o diálogo, a equidade e o pensamento crítico. Espazos onde aprender tamén dende a inclusividade (contan con dúas aulas de Educación Especial), a cooperación, o intercambio e o debate continuo.

"Para nós a pedagoxía é o centro da aprendizaxe, axudados sempre polas novidades metodolóxicas (aprendizaxe cooperativa, intelixencias múltiples, matemáticas manipulativas, traballo por proxectos, gamificación, plickers, entornos virtuais...) que mellor se adaptan ao perfil e ás necesidades dos alumnos do século XXI", destacan.

Como colexio plurilingüe, en Infantil contan con dúas horas de inglés á semana. En Primaria utilizan o método interactivo Little Bridge e en Secundaria, enfocan o traballo nas catro destrezas da comunicación para acadar unha acreditación de nivel no marco común europeo (A2, B1 ou B2).

A materia de Plástica impártese nesta lingua, e organizan tamén unha English Week na que se realizan diferentes actividades relacionadas coa lingua e cultura inglesas. Os alumnos de 4º de ESO tamén teñen a posibilidade de viaxar ao Reino Unido e aloxarse durante unha semana con familias locais.

O Compañía de María é, así mesmo, o único centro examinador do Oxford Test of English de todo O Morrazo, probas ás que poden presentarse alumnos de calquera outro colexio ou adultos que o necesiten para os seus estudos universitarios ou traballos.

As ciencias son un área fundamental no currículo do colexio, que tamén fomenta a creación artística e literaria entre os seus alumnos.

Ademais, en todas as etapas educativas, as nenas e nenos traballan técnicas de relaxación para ampliar a súa capacidade de concentración, e contan cun programa de mediación entre iguais, onde alumnos formados resolven os pequenos conflitos e malentendidos que se lles poden presentar diariamente aos seus compañeiros.

Servizos

A vida sá mediante o deporte e a alimentación saudábel e outra área destacada do proxecto educativo dun colexio que dispón dun aula de madrugadores aberta dende as 8.00 e servizo comedor con cociña propia, con estudos vixiados despois de comer para os alumnos de Primaria e ESO. Con tres patios exteriores, aulas dixitalizadas en todos os cursos, salón de actos, biblioteca e laboratorio, entre outros equipamentos, o centro ofrece un amplo abano de actividades extraescolares xestionadas pola Anpa (pintura, ábaco, robótica, zumba, inglés) ou dependentes dos clubs da contorna (fútbol, patinaxe, taekwondo).