23 de febrero de 2019
23.02.2019

Unha traxicomedia sobre a represión familiar e social

Aporía Escénica presenta en Cangas "6 cubos negros en corpo branco"

23.02.2019 | 02:36
Un momento dunha representación da obra. // Aporía Escénica

A compañía Aporía Escénica presenta hoxe no Auditorio cangués unha nova obra na que afonda na súa exploración do universo feminino. A "30 e tantos ósos", coa que gañou o Premio María Casares ao mellor texto orixinal, séguelle agora "6 cubos negros en corpo branco", unha traxicomedia con ecos da "Casa de Bernarda Alba" de Lorca.

Cinco mulleres que viven subxugadas polo frío que emana dun gran frigorífico de cor branco. Cinco mulleres suspendidas no tempo e atrapadas entre dúas épocas. Este é o fío argumental co que arranca "6 cubos negros en corpo branco", a obra de teatro que esta noite presenta a compañía Aporía Escénica no Auditorio de Cangas a partir das 21.00 horas. Unha traxicomedia con ecos de humor negro, do absurdo e con referencias ao universo de "A casa de Bernarda Alba", de Federico García Lorca.

O texto é da autoría de Diana Mera, que a súa vez é unha das actrices que conforman o elenco desta obra, onde tamén están Rosa Puga, María Salgueiro, Marta Pérez e Diana Brey. As protagonistas afrontan unha interpretación que "se sitúa entre a persoa e a personaxe, entre a ficción e a súa ruptura constante", tal como sinalan desde Aporía Escénica. O público asistirá "á desconxelación gradual dos corpos desde o hieratismo á organicidade, nunha inquietante atmósfera na que destacan os queixidos do violín".

Con "6 cubos negros en corpo branco" a compañía Aporía Escénica da continuidade cunha nova obra á súa tentativa de explorar o universo femininio, esta vez cun texto de Diana Mera que se centra na represión familiar e social. Este camiño xa comezará con "30 e tantos ósos", unha montaxe coa que acadou o Premio María Casares ao mellor texto orixinal.

A posta en escena da obra que se presenta hoxe no Auditorio caracterízase por varias particularidades. Unha das máis chamativas é o contraste entre o negro e o branco, case ao modo da fotografía antiga. Sobresae o magnífico vestiario negro de finais do XIX, deseñado por Carlos Pinilla, e un espazo completamente branco, iluminado con gran sensibilidade por Javier Quintana. Ao mesmo tempo, Aporía Escénica mantén unha liña na que conflúen varias linguaxes, "dándolle unha relavancia á composición plástica, a potencia dos obxectos e ao espazo sonoro en equilibrio co texto e as accións". O resultado é unha representación chea de "estrañeza e misterio, comicidade e loucura, froito da desesperación, a soidade, a mestura de épocas, códigos e idiomas".

A función de hoxe no Auditorio de Cangas será ás 21.00 horas e as entradas están á venda ao prezo de 5 euros ao través da web ataquilla.com ou hoxe mesmo na billeteira do Auditorio dúas horas antes do inicio do espectáculo (de 19.00 a 21.00 horas).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca