A viguesa María López Correa é a gañadora do Premio Relatos de Muller e Igualdade Matilde Bares de Bueu cun texto literario titulado "As fillas da Manola". A autora xa conta cunha ampla lista de recoñecementos, como 3º Premio Concurso de Poesía María Soliño. Cangas do Morrazo en 1994; 1º Premio Concurso de Poesía "Orden de Caballeros Mª Pita" de A Coruña (2012) ou 1º Premio Concurso Microrrelatos Radio Nacional de España e CEGAL.

- En primeiro lugar, felicidades por este novo recoñecemento. Como valora a concesión de este galardón Matilde Bares, que se recupera despois dunha paréntese de varios anos?

-Moitas grazas. A verdade é que foi unha moi grata e inesperada sorpresa. É a segunda vez que me presento a este concurso, xa que a súa temática me parece moi interesante e necesaria. Por iso agradezo ao Concello de Bueu a súa aposta non só pola literatura, senón tamén pola recuperación dunha memoria que ás veces fica por sempre olvidada -refírome á figura de Matilde Bares- e pola súa defensa da igualdade.

- Cal é a historia que tenta reflectir en "As fillas da Manola?

-Baséase na historia de catro mulleres dunha mesma familia, pertencentes a catro xeracións diferentes, que teñen que enfrontarse, cada unha coas ferramentas da súa época, aos problemas sociais e persoais que se lle presentan. Aínda que contén apuntamentos biográficos das mulleres coas que compartín ou comparto a miña vida, penso que cada unha das historias podería extrapolarse á actualidade, xa que os conflitos dos que se fala nas súas liñas seguen, moi ao noso pesar, inexplicablemente presentes hoxe en día.

- Cal é a orixe deste relato? Trátase dun traballo no que xa viña traballando desde hai tempo ou é unha creación para este concurso?

-Ás veces necesítase o pulo adecuado para facer as cousas. Certo é que pensara anteriormente en escribir "As Fillas da Manola" ou unha historia semellante, porque creo que moitas das mulleres que nos rodean teñen historias ás súas costas que merecen ser contadas, a pesar de que o día a día faga que as normalicemos e que consideremos a súa forza, perseverancia e valentía como unha condición innata á súa condición humana. Non obstante, o certo é que a nova convocatoria do certame "Matilde Bares" animoume a facelo e a non postergalo máis.

- O xurado destaca no seu fallo que o seu relato realza "a importancia da creación dunha rede de apoio entre as mulleres". Está dacordo, era unha das ideas que quería destacar no seu texto?

-En parte si, pero teño un pensamento máis amplo. Eu son defensora do ben común en todas as facetas da vida e as redes de apoio. Antóllanseme fundamentais para as relacións interpersoais e para o progreso social.

- O premio de relatos de igualdade Matilde Bares foi un dos primeiros que se convocou en Galicia sobre esta temática, aínda que non puido escaparse ás consecuencias da crise. Cómo valora esta aposta pola igualdade por parte dun concello relativamente pequeno? Coñecía ou tiña referencias da figura de Matilde Bares?

-A figura de Matilde Bares coñecinna hai uns anos, nunha das miñas visitas a Bueu, grazas á rúa que ten nesta vila. Sempre vou atenta a este tipo de cousas cando paseo polos lugares que frecuento, porque desta maneira se me abren as portas a detalles ocultos da nosa historia máis cercana dos que nada sabemos. Parécenme importantísimas este tipo de iniciativas nas que se rescata do olvido as aportacións que as mulleres facemos á sociedade. É un exercicio de reflexión que cómpre realizar con máis frecuencia, por compromiso, implicación e coherencia co que somos e co mundo que queremos construír.