Ás veces dun pequeno reto entre amigos poden saír cousas tan incribles como a colección dos Megatoxos de Anxo Fariña, sinala José Antonio Gil, coordinador de primaria no colexio Compañía de María de Cangas sobre o escritor e ilustrador vigués, que onte protagonizou unha charla ós alumnos dentro do programa FARO da ESCOLA de FARO DE VIGO. Previamente o escritor mantivo un encontro tamén cos alumnos do colexio CEIP de Seara, en Moaña, nunha visita que serviu paira inaugurar a radio do colexio, que púxose en marcha co programa de Bibliotecas Escolares.

No Compañía de María, o alumnado de 4º de primaria descubriu moitas curiosidades desta incrible colección de 6 libros dos Megatoxos, ata o momento da saga máis longa escrita en galego. Pero Anxo Fariña é moito máis ca o autor dos Megatoxos. Estudou Belas Artes e grazas ao seu traballo nun centro de menores descubriu que os seus contos facían felices aos demais. Como el mesmo lles dixo: escribe para os lectores, non para si mesmo, relata Gil.

Partindo de debuxos en apariencia tan simples como un punto ou unha caixa, fíxoos reflexionar sobre o feito de que coa imaxinación poden converterse en moito máis. Do mesmo xeito, ensinoulles en exclusiva imaxes do seu próximo libro; Os ecos do lume, que se publicará no vindeiro mes de abril, e que "estamos desexando que saia á venda para ir dereitiños á librería a mercalo".

Ao final da visita, os alumnos tiveron a oportunidade de facerlle unha entrevista, que foron preparando nas últimas semanas logo de ler os libros de Megatoxos e de indagar sobre a súa figura: "Non nos quixeron desvelar moito sobre este traballo xornalístico xa que formará parte do seu Faro da Escola. Polo momento, só nos poden desvelar que descubriron que con 11 anos ilustrou un libro para unha das súas mestras! O resto da entrevista? no Faro da Escola do colexio Compañía de María Cangas".

En Seara, Fariña respondeu ós alumnos nunha entrevista para estrear a radio escolar. Os nenos xornalistas quixeron que desvelara a razón de que pinte cos ollos en branco aos seus personaxes Antón e Pompón, pero "este segredo vai seguir sendo así, un segredo misterioso". Si dixo que si a algúns personaxes os pinta con o sen nariz, e porque os debuxos son rápidos, de moita enerxía "e ás veces son mal debuxador". Mostrouse atraido por todos os xéneros, porque todos ten os seus retos, "ainda que é máis divertido debuxar aventuras e contos infantís".Confirmou que o seu libro favorito é o próximo que vai publicar, con ilustracións fantásticas e que é unha historia de protección da natureza, ecoloxía e que fala doutros mundos nos que nós somos os monstruos e non eles.

Dixo sentir unha mestura de sentimentos, emocionado, encantado, agradecido cando publicou o seu primeiro libro e recoñeceu que o último é o que máis lle gustou escribir: "Me quedou moi redondo".