"El infierno explicado en Moaña", así titulaba o Faro de Vigo a noticia do acto de conmemoración do 70 aniversario da liberación do campo de concentración de Auschwitz (1945, remate da Segunda Guerra Mundial), celebrado no salón de sesións da Casa do Concello de Moaña o día 30 de xaneiro de 2015.

Neste acto contaramos coa participación, entre outras persoas, de Ania Horszowsi, muller xudea nacida en Polonia, confinada no gueto de Lwov onde morreron os seus pais, que fuxiu en 1948 cara Venezuela e finalmente recalou en Caldas de Reis onde finou estes días pasados con 97 anos.

"Ao meu carón, había un bebé, un bebé envolto en sabas. Non lembro o seu rostro. O bebé non choraba. Vivía pero non choraba. Mandáronme recollelo, sabíase que ía morrer, porque ningún bebé puido sobrevivir. Tíñao nos meus brazos, non choraba, non lle vin o rostro. Ou quizais o vin, non o lembro agora. Non entendo -ou é que non podo entender- como é que este bebé se atopaba no piso. Sei que nestes tempos horríbeis sucedían esas cousas, as nais novas abandonaban as crianzas, pensando que quizais outros as recollerían e coidarían, ou pensando en salvar a súa vida, non o sei. Non sei que pensaban. Pero tiven ese bebé nos meus brazos por algúns minutos, non moitos. Logo chegou a Gestapo. Dixéronme que deixase ao bebé no piso..."

A palabra e o testemuño de Ania foran escoitados con todo respecto e atención polas persoas, de varias xeracións, asistentes a aquel acto en Moaña, espectadores todos que non soubemos, coñecemos nin padecemos a guerra nin os seus efectos pero que nos sentimos interpelados e conmocionados ante o que se nos estaba relatando.

Recordo aquel día como un dos momentos máis entrañables do meu paso pola Casa do Concello de Moaña, e lembro tamén a miña emoción cando, como alcalde e en nome de todo o pobo de Moaña, entreguei un ramo da flores a Ania, como alcalde e en nome de todo o pobo de Moaña.

Memoria, flores, agradecemento e ánimo que gustaría achegar tamén no día de hoxe para a súa familia neste momento de dó pola perda de Ania Horszowski, un testemuño da historia máis negra do século vinte que contribuíu a abrirnos os ollos sobre os grandes crimes contra a humanidade para axudar a facernos máis humildes, solidarios e humanos.

(*) Portavoz do PP no Concello de Moaña