Non se aventuran a confirmar se serán ou non candidatos nas eleccións do 26 de maio. A pouco máis de cen días de rematar o manbdato, Ánxela Vizoso e Tomás Hermelo, dous dos tres concelleiros da Asemblea pola Unidade na corporación de Cangas, din estar centrados en continuar traballando nas súas áreas municipais de Emprego e Desenvolvemento Local e Igualdade e Servizos Sociais. E tamén en darlle forma a unha candidatura unitaria da esquerda: "O das próximas eleccións dependerá de moitos factores. Agora toca traballar e axudar a crear o espazo común, que será quen decida as compoñentes da lista que se presente", afirman.

-A piques de cumprirse o mandato de catro anos saído das urnas, como valoran esta experiencia de goberno tripartito?

-A valoración é positiva, aínda que as veces poida parecer o contrario polas expectativas creadas. Herdamos un Concello sen capacidade de manobra económica e cunha débeda de máis 14 millóns de euros. Tocabanos a máis de 530 euros a cada cangués! Tamén coa enésima tentativa de PXOM suspendida e cun grave problema de persoal, ao non poder cubrir as numerosas xubilacións e outras baixas, xunto coa dificultade de realizar investimentos. Nestes catro anos reducimos considerablemente esa débeda e ao final da lexislatura será de case a metade, o que permitirá á nova corporación abandonar a limitación de contratar xente para substituír á que se vai. En definitiva, non acadamos todos os obxectivos iniciais, pero contribuímos a deixar un Concello mellor do que nolo atopamos, máis preparado para facer políticas non impostas dende o Ministerio de Facenda.

-Nos últimos meses arrecia o debate sobre a posibilidade dunha candidatura única na esquerda. Que novidades hai?

-É certo que existiron contactos. Dende hai un par de meses presentóuselle a partidos, asociacións e colectivos sociais de Cangas a necesidade de construír de forma colectiva un espazo político progresista, de esquerdas e plural. A presentación desa idea de forma individual rematou, xa que agora toca traballar de forma conxunta e para iso convocouse o "Encontro Aberto" deste vindeiro sábado, ás dez e media da mañán no local da antiga Cámara Agraria.

-Esas conversas das que falan, de que trataron?

-Como dixemos, a idea é sinxela, a creación dun movemento progresista baseado en tres liñas básicas: un espazo común no que poida participar toda a veciñanza, primarias para a configuración dos representantes e unha toma de decisións absolutamente asemblearia.

-Que diferenza hai entre este modelo e o funcionamento da Asemblea pola Unidade?

-Este proxecto nace logo da asemblea xeral de setembro, na que se decidiu impulsar un movemento que desborde a actual situación de fragmentación na esquerda de Cangas, onde nos atopemos cómodas todas as partes, políticas, sociais e persoas a nivel individual. Para lograr ese obxectivo pensamos que é preciso volver ao punto base, a creación do espazo, abrilo, de forma que todas participemos da mesma forma, a nivel individual, coa mesma voz e co mesmo valor na toma de decisións.

-Quen está chamado a participar nese Encontro ?

-Pretendemos que sexa aberto, que poida participar calquera persoa, máis alá de se está a participar nalgún dos colectivos ós que lles presentamos o proxecto nos meses anteriores. En canto ós partidos políticos, é evidente que a xente da Asemblea pola Unidade vai ir. Presentamos o proxecto ó resto das organizacións pero, como é lóxico, non podemos falar polas participantes doutras organizacións.

-Que ningunha organización confirmara aínda que vai asistir á cita non invita a ser optimista. Cales son os propósitos?

-Claro, pero o enfoque é xusto o contrario. Non pretendemos pactar cousas entre as organizacións e chegar a unha xuntanza na que simplemente se dea visto e prace. Presentámoslles ós representantes dos colectivos cos que nos reunimos a oportunidade de comezar a traballar nun espazo novo, máis amplo e no que construamos desde cero. Con isto pretendiamos que llo comunicasen á súa xente, para que se animaran a implicarse no novo proxecto e sacalo adiante.

Este próximo sábado, día 16, pola mañá, no local da antiga Cámara Agraria, presentarase esta iniciativa a toda a veciñanza interesada e deberan de artellarse uns grupos de traballo que comecen a redactar os documentos organizativos e programáticos para o debate nese espazo que buscamos. Temos confianza que haberá resposta para superarmos entre todas o actual modelo de fragmentación e desafección política da esquerda mediante un modelo máis horizontal.