Chola é mecánica de coches, blogueira e youtuber de éxito. Tanto que un teatro decide contratala para un monólogo para explicar os segredos do seu éxito e as estratexias para descubrir quen somos, que nos gusta, que nos divirte... A cousa vai relativamente ben ata que de repente un desliz deixa á vista outra das facetas desta "it girl" rural. Esta podería ser, a modo de resumo, a tarxeta de presentación de "Chola, a it girl", o espectáculo que chega hoxe ao Auditorio de Cangas.

A montaxe é unha producción de ArtesaCía e está protagonizada pola actriz Laura Villaverde, que tamén é a autora e directora da mesma. En realidade "Chola a it girl" non é somentes un espectáculo escénico, senón que forma parte dun proxecto cultural máis amplo chamado "Chola&Lola". Chola combina a súa vida no rural coa súa canle de Youtube, onde os seus videos con segredos de beleza 100% caseiros acumulan milleiros de visualizacións; o seu traballo de mecánica de automóbiles e incluso como piloto de rallies.

Toda isto chama a atención dun teatro, que a contrata para un espectáculo do máis orixinal. Un monólogo para explicar en dez sinxelos pasos como convertirse en toda unha "it girl". Iso si, acompañada sobre o escenario dun deses vehículos dos que tanto gusta. Ben pode ser un Opel Calibra 2000 ou ben un sidecar.

O caso é que unha inoportuna chamada de teléfono durante a súa función vai deixar ao descuberto outra faceta desta "it girl" do rural: un cadaleito no que esta Lito, un morto que precisa das habilidades de Chola no ámbito de tanatoestética. Unha faceta oculta que "evidencia a súa imperfección e humanidade, adxetivos nos que reside o éxito de Chola", explican desde a produtora.

En realidade "Chola, a it girl" é unha idea inspirada na vida de moitas mulleres do rural. "Polo seu inconformismo, talento, forza e personalidade. Pero tamén pola súa búsqueda incansable de posibilidades para cultivarse e aprender. Pola constancia para fuxir do canon actual do que debería ser unha muller tendencia", sinalan.

O espectáculo de hoxe será ás 21.00 horas e as entradas poderán mercarse na billeteira do Auditorio desde dúas horas antes do inicio do espectáculo. O custe das localidades é de 5 euros.