Compre sinalar que a través de investigacións feitas no Archivo Histórico Nacional de Madrid, no Arquivo Parroquial de San Martiño de Moaña, na actualidade depositado no Diocesano de Santiago, e nunha das inscricións da súa igrexa matriz, foise descubrindo a evolución documentada da igrexa e freguesía de San Martiño de Moaña, desde o latín ao galego que de seguido se expón.

Aínda que nun primeiro documento, en latín, do ano 1184 polo que o rei de Galicia e León, Fernando II, fai doazón a Fernando Arias, un nobre moi relacionado co monarca, da "Herdade de Sabaceda" en terras do Morrazo, nin San Martiño nin Moaña aparecen, aínda que hai varias frases borradas.

No tímpano principal do templo existe unha inscrición, tamén en latín, onde aparece o nome e a figura de SCI:MARTINUS:EPS (San Martiño bispo). A través doutra inscrición, coñecese que a igrexa románica foi consagrada en 1197.

En 1232, Fernando e Paio Arias, netos do Arias que mandou construír o templo, fan unha doazón ao mosteiro de Armenteira de parte dos dereitos que posuían na "ecclesia <Sancti Martini de Mo>ania." Aínda que no documento aparecen borradas as letras en cursiva, lendo todo o contexto pódese afirmar con certeza que se trata do primeiro documento, atopado ata o de agora, en que aparece o topónimo descrito.

Os mesmos irmáns encabezan outro documento do ano 1237 en que, ademais de nomear con total claridade a <Sancti Martini de Moania", xa van aparecendo outros topónimos no idioma galego tales como: Canizada, Lamelas, Casal de Sandi e picaavena.

Todos eles consérvanse na actualidade, excepto pica a vena que foi substituída por sangrador.

A escritura

Polo que se describe no anterior documento, a xente de Moaña xa nomeaba, en galego, os lugares moañeses; non obstante, a primeira escritura que foi redactada, na súa integridade no noso idioma, cita que a través dela, cede a quarta parte de todo o couto de Rosal, que éste en Morraço, ena fliiguesia de San Martiño de Moaña, Este documento é do mes de febreiro do ano 1306 e, tal e como se pode observar xa nomea a Moaña en galego primitivo como filiiguesía (Fillos da igrexa de San Martiño). Que comprendía as actuais parroquias eclesiásticas de San Martiño e O Carme).

No 1466

Por último, citar un testamento outorgado o día 9 de novembro do ano 1466 por Alonso Glez. de Moaña, escrito nun galego case idéntico ao actual, coa diferenza de substituir a "x" pola "j" e o seseo que se observa en moitas verbas. É o único documento en galego que procede do arquivo parroquial moañés, pois todos os demais escribíronse no idioma castelán. Na actualidade está depositado no Arquivo Diocesano de Santiago.

Entre outras cláusulas, manda a seguinte:

"Etem mando que as miñas carnes pecadoras sejan enterradas na Igreja de San Martiño de Moaña ante a capela de San Bernardin".

(*) Investigador local de Moaña