Colectivos culturais da parroquia canguesa de O Hío están a preparar para o vindeiro 19 de maio a "I Xuntanza de Gaiteiros. Memorial Anxo Gago "Lito", coa que queren render homenaxe ao mestre da música tradicional que finou o 9 de febreiro do ano pasado. A idea é consolidar esta cita anual para lembrar a Lito, nacido na aldea de Pinténs e que xa recibira en vida varias homenaxes, como a protagonizado en setembro de 2017 por media ducia de agrupacións e organizado polo grupo que dirixía, "Os do serán".

A importancia de Anxo Gago na música popular da comarca durante décadas tamén quedara patente na primavera de 2016, cando recibiu o Premio Xohán de Cangas no marco da Festa da Cultura. Na súa dilatada traxectoria destaca o feito de ter sido o primeiro director da Banda de Gaitas Manxadoira, de Bueu, desde a súa formación en 1993 ata 2007, e influír na formación de novas xeracións de gaiteiros e amantes da música tradicional en toda a comarca, que agora lle devolven parte do que el lles aportou.

Antes desa primeira "xuntanza de gaiteiros" na súa memoria, Lito recibirá outra lembranza colectiva o vindeiro 9 de febreiro -coincidindo co seu cabodano- coa colocación dunha escultura na contorna do cruceiro do Hío para a que o Concello e os colectivos xa teñen adiantado os preparativos.