26 de enero de 2019
26.01.2019

Carlos Lorenzo: "Hai que rachar tópicos e achegarse á poesía sen temores"

O documental preséntase hoxe en "Bueu en verso", que incluirá un recital con Lucía Novas, Míriam Ferradáns e Baldo Ramos

26.01.2019 | 01:59

A asociación de veciños de Banda do Río conclúe hoxe os actos de "Bueu en verso". Onte inaugurouse na sala Amalia Domínguez Búa unha exposición de Anxo Cabada titulada "O imaxinario do país. Letras de magnesio". Hoxe o escenario será o Centro Social do Mar, onde ás 20.00 horas presentarase o documental "Vértices de versos", de Carlos Lorenzo. O director estará presente en Bueu e ao rematar haberá un recital poético conducido por Xaime Toxo. Intervirán Lucía Novas, Míriam Ferradáns e Baldo Ramos, xunto á guitarra de Emilio Miranda.

- Como xurde a idea de acometer a rodaxe do documental "Vértices de versos"? Por que ese título?

-A idea xorde por unha confluencia de circunstancias. Por unha banda o meu desexo de facer un documental relacionado coa cultura galega, vencellado á súa vez a un traballo académico que fixen hai anos. Por outra banda levo 22 anos ao fronte da organización do certame de poesía Concello de Carral e isto ofrecíame unha visión panorámica do ambente poético actual e manter contacto con moitos dos escritores e escritoras que na actualidade están a publicar poesía dunha altísima calidade. Tamén tiña detectado que non existía ningunha produción audiovisual que amosara a potencia que é Galicia en poesía. Tendo en conta todas condicións, animeime a levar a cabo este documental. O título, que foi unha das primeiras decisións pechadas para o documental, pretende facer referencia a que Galicia é un vértice xeográfico de Europa no que se está a dar un fenómeno de creación poética moi especial. Ademáis está o xogo das palabras coa sílaba común "ver", así como o termo "vértice" relacionado no latín con "vertixe", unha palabra moi empregada na poesía galega e dun significado moi asociado coas emocións.

- Pódese falar dun intento de rachar a distancia entre o público e un xénero que aínda é visto como minoritario ou selectivo?

-Sen dúbida que si. "Vértice de versos" é un documental feito para quen non le poesía, para que descubra un ámbito literario que en Galicia é de especial recoñecemento, e que non se limita só aos versos escritos, senón que existen expresións poéticas feitas coa música, co vídeo, co corpo, con humor? O documental pretende contribuír a facerlle ver ao público que debemos rachar cos tópicos e aproximarnos á poesía sen temores e sen prexuízos. Que se dea conta, que por exemplo a través da publicidade, ás veces está recibindo moita poesía sen que sexa consciente diso.

- O traballo céntrase no universo poético galego a partir da década de 1990. Por que escolleu esa fronteira temporal?

-Centrámonos máis nese período porque nos anos 90 houbo en Galicia unha eclosión poética moi importante, aparecendo un gran número de poetas, formando grupos que revolucionaron os lugares e o xeito de recitar e de amosar as súas creacións, aparecendo editoriais como Espiral Maior ou Letras de Cal que se centraron na poesía, e comezando o colectivo de mulleres a ter un especial protagonismo na produción poética en Galicia. Esa década foi un cambio de tendencia na produción literaria que veu a enriquecer dun xeito especial o sistema literario galego.

- No documental interveñen críticos, editores e por suposto poetas. Como foi a selección das voces que forman parte da longametraxe?

-Busquei algunhas das voces que están a protagonizar o bo momento actual da poesía galega e que tamén protagonizaron os episodios máis singulares da nosa literatura recente. Aos que podemos considerar protagonistas, que en realidade son poetas nos que nos centramos con máis detalle e que son Baldo Ramos, Emma Pedreira, Yolanda Castaño e Gonzalo Hermo. Escollinnos a cada un por motivos diferentes, coa condición común de ser extraordinarios na escrita poética. Yolanda está a representar a nosa poesía e é a máis coñecida polo público, Baldo ten unha obra moi interesante, ademais da súa faceta de artista plástico, na que emprega tamén a poesía. Emma é posiblemente a escritora máis premiada e Gonzalo é unha das voces máis relavantes entre os máis novos, recoñecido co Premio Nacional Miguel Hernández. En xeral todas as persoas que interveñen na longametraxe teñen discursos moi interesantes sobre a nosa poesía.

- Vén a presentar este traballo a Bueu, un municipio que conta cun dos certames de poesía máis importantes de Galicia, como é o Johan Carballeira. Tamén é, ao igual que o resto do Morrazo, unha terra con nomes importantes na poesía, como Lucía Novas ou Míriam Ferradáns. Hai algo de todo isto en "Vértices de versos"?

-O premio Johan Carballeira cítao Emma Pedreira como o primeiro galardón que recibiu e que supuxo o inicio da súa exitosa carreira. É un dos mellores premios literarios e ten sede nunha comarca onde a poesía actual ten excelentes creadoras, como son Lucía e Miriam. As dúas teñen unha aparición indirecta en "Vértice de versos", xa que aparecen as súas obras e fotografías en diferentes secuencias.

- Botando man de Cunqueiro, é posible pensar en mil primaveiras máis? Como intúe o seu futuro?

-Esa era unha pregunta que lle fixen a moitos dos que interveñen no documental, e o certo é que existe incertidume de cómo vai evolucionar a literatura galega en xeral e a poesía en particular. Eu quero pensar que a poesía galega vai manter un bo ritmo de crecemento en canto a creación, a novos modos de expresión e a número de seguidores.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook