O 9 de febreiro de 2018 finaba o mestre gaiteiro Anxo Gago, "Lito", deixando orfos aos devotos da música de raíz, da que foi referente na comarca do Morrazo. No cabodano do seu pasamento, os representes políticos e sociais prepáranlle unha homenaxe que se celebrará o sábado 9 de febreiro a carón do emblemático cruceiro do Hío no que participarán distintos grupos e gaiteiros da contorna e vaise ubicar unha escultura en ferro galvanizado -realizada polo artista ourensán Adamo Cid- que representa unha gaita cunha placa: "En lembranza de Anxo Gago "Lito" e en homenaxe a quen ama a música tradicional galega".

A idea de facerlle este recoñecemento público estivo sempre presente entre os representantes do Concello de Cangas e dos colectivos sociais do municipio, especialmente da parroquia do Hío. Aínda que se puxeron varias datas para levalo a cabo, finalmente optouse por agardar ao primeiro aniversario do pasamento. Nestes meses tamén foi consensuada a ubicación da escultura que o ha recordar, e que en principio estaba prevista na contorna do colexio do Hío, ainda que finalmente decidiuse que sexa nos arredores do novo aparcamento do Igrexario, para o que xa se recibiu permiso de Patrimonio. "É un lugar emblemático no que lembrar a este mestre gaiteiro na súa parroquia", sinalan os promotores.