Comezamos o 2019 e o Valado ponse de loito ? Morreu Eligio Iglesias e a Asociación Cultural Santos Reis chora a súa perda. Desde sempre foi un veciño benquerido e un amigo sen igual. Existen poucas palabras que poidan definir a grandeza do seu corazón e da súa personalidade.

Foi colaborador entusiasta en todo o que se lle propuxo e traballou por levar adiante calquera tarefa en que se vise un matiz social con repercusión positiva para a veciñanza. Ante todo é un amigo con maiúsculas que nos deixa orfos a quen, sen sermos fillos seus, considerámonos discípulos, pois durante anos foi o faro que nos guiou nesta travesía da amizade e da vida. Unha vida na que loitou como pai pero, sobre todo como compañeiro inseparable da súa querida e sempre idolatrada muller. Coido que non podía haber ninguén que tratase co cariño, co mimo e a coa dedicación que el profesaba pola súa Marujiña, alicerce básico na dura travesía destes últimos anos.

Nos só os seus amigos perdemos a unha gran persoa e a familia a un pai, senón que con el marchan centos de relatos e anécdotas que Eligio atesouraba na memoria... Non nos deu tempo de escoitar todo o que el estaba disposto a contarnos e ensinarnos acotío.

Por iso, onde queira que esteas, Eligio, e che enviamos a aperta máis grande do mundo de parte de todas as persoas que te admiramos e tivemos a sorte de te coñecer. Grazas por compartires connosco tantos momentos de alegría. Aproveitamos para transmitir o pésame para a súa inconsolable familia.

Grazas amigo, grazas Eligio.

O Valado (Bueu) a xaneiro de 2019.