O ramo da hostelería, polos datos que manexamos, semella ser o principal sistema de vida escollido pola colonia de residentes do Hío en Bos Aires, abranxendo desde a máis humilde pensión ata o suntuoso hotel de certa categoría. A venda ambulante (bolicheros), os establecementos de comestibles e as adegas de venda de viño ou tabernas, semellan ser tamén outro dos principais negocios rexentados polos emigrantes do Hío.

Neste sentido cabe apuntar que debido á colonia hiense asentada na Arxentina vai ser nestas datas primiseculares (sec. XX) cando os emigrantes fundasen a Sociedade de Socorros Mutuos "La Unión" para a protección das súas vidas e intereses alá no país do Prata. Hai que dicir que como contrapartida, a constitución destas mutualidades de seguros non faría máis que acelerar o proceso migratorio ao consideránrese protexidos deste xeito moitos dos xóvenes que se decidían pola aventura arxentina. Asemade, a pervivencia do sistema foral e caciquil ou as fuxidas das reclutas do servizo militar (moi numerosas ata o 1909 polas guerras americanas e de África) tamén terían moito que ver no proceso emigratorio de entre séculos XIX - XX. A isto hai que engadirlle a falta de traballo no mar que se produciría a partir do 1917 debido á crise sardiñeira nas rías que se había prolongar por espazo de sete anos. Das seis fábricas de salga existentes no Hio, só ficarían as de Ameixide e a de Temperán e familias enteiras e mozos xóvenes comezarían unha nova vida en Cuba, Venezuela, os EEUU e sobre todo en Arxentina, países que van acoller nestas datas a presenza de emigrantes do Hío. Xa nesta altura, o goberno arxentino tiña establecido un sistema de cupos migratorios o que facía necesario demostrar ter familiares no país e incluso un oficio, asunto este para o que era preciso a expedición dunha cédula acreditativa. Ainda que non se pode considerar moi ampla a colonia de residentes do Hío en Bos Aires, estes manterían os lazos de unión entre veciños, favorecendo sempre aos que alá chegaban para iniciar unha nova xeira nas súas vidas. As actividades dos hienses na Arxentina non diferían moito das do resto dos galegos, sobre todo ao se asentaren a maioría deles na capital bonaerense. Como senlleira paradoxa destas aciagas circunstancias e da picaresca que sufrían os emigrantes coas pasaxes, destaca o engano sufrido polos zamoranos Tomás Prieto y María Martín (v. Faro de Vigo 1.06.2013) que foron embarcados no vapor a Cangas e acabaron recalando en Aldán e no Hío.

Xa que logo, desde o ano 1924 e grazas ás aportacións monetarias dos emigrantes vaise constituir no Hío a Sociedade de Socorros Mutuos "La Unión" coa finalidade de darlle aos veciños cobertura de seguros e asistencia médica e cultural. Esta sociedade, integrada por elementos doutra anterior, chamada "Mútua de Ganados de Hío, Liméns y Donón", para cubriren os seus obxectivos, proporíanse mercar un solar e a erguer nel un local sociocultural que acollese un consultorio e casa para un médico. A tal fin, mandarían desde a sociedade homónima radicada en Bos Aires, unha primeira axuda de 105 pesos arxentinos recadados por un empresario e os seus empregados, todos do Hio. No 1927 xa se pecharía a compra do solar por un custe de 600 pts e iniciaríase a construción do edificio coa aportación inicial de 15 pts por socio. Unha vez rematada a casa, tería lugar a sua inauguración o 31 de marzo de 1929, e poucos días despois, en abril, a sociedade homónima dos hioenses de Bos Aires, contribuiría a pechar a financiación das instalacións coa cantidade de 3.500 pts., enviando, ademáis, numeroso e moderno material médico que había converter a este consultorio nun dos mellores da zona. Para atendelo acordaríase a contratación do médico Manuel Martínez Piñó que exercería o seu oficio ata a súa depuración con motivo da rebelión fascista do 1936. Este soerguemento militar tamén habería inducir a unha emigración involuntaria, o exilio, a algúns dos militantes sindicais e políticos republicanos do concello.

Paralelamente á emigración americana vaise producir desde 1914 un fluxo migratorio exclusivamente mariñeiro cara portos de Cádiz e Huelva, provocado pola falta de caladoiros debido á primeira guerra europea sendo moitos os de Cangas, Bouzas e outros portos das rias, os que se instalasen de novo nesas zonas, levando incluso algúns as suas familias. Como xa dixemos noutro artigo (Anchoas, xamón e pescaíto frito), destas datas é cando os galegos comezan a abrir alá pescaderías e fritidoiros de peixe. Ademáis da situación bélica europea, outras causas da emigración hai que buscalas na fuxida das reclutas para a guerra de Marrocos e na necesidade existente nas familias numerosas.

Neste sentido son moi interesantes tamén os datos que sobre a emigración buenense nos suministra Luisa Muñoz Abeledo na sua tese, resaltando a marcha de mariñeiros desta zona e de Moaña cara 1920, a Nova York e a Cuba, para traballar na cabotaxe. Este país xa viña acollendo, igual que Arxentina e Venezuela a emigrantes da zona, tamén de Cangas, que ían traballar como xornaleiros na zafra e nas recoleccións, algúns con carácter estacionario, condicionados polos avatares negativos que sufría a pesca local. En Nova York os emigrantes de oficio mariñeiro adoitaban ser reclamados por axentes galegos xa instalados alá (A. Otero e J. Charrúa) que tiñan que se responsabilizar deles tal como reclamaban as leis americanas. Nesta cidade, no ano 1929, os buenenses constituirían unha asociación denominada Unión Cultural de Bueu, Beluso y sus contornos, chegando a reclamar apoio do Concello para cursos de formación e especialización, asunto moi relacionado co nivel dos postos de traballo. Na Arxentina, os buenenses xa se tiñan asociado anteriormente (1923) entorno a asociación denominada Unidos de Bueu (Hijos de Bueu en América) que tiña como premisas básicas a protección, axuda á adaptación, educación, préstamos monetarios para investimento en negocios ou facilitar o retorno. Anos despois (1934) plantexaríanse a creación en Bueu de escolas primarias ou de oficios. Co comezo da Segunda Gran Guerra en 1939 volvería a producirse unha nova instalación en portos de Andalucía, de armadores e mariñeiros da zona, desprazándose a flota desde o Gran Sol cara os caladoiros das costas africanas e con ela numerosos mariñeiros e as suas familias.

Ata a actual emigración provocada pola crise económica e a incapacidade de Galicia (outra vez) de xerar traballo para os mozos, a última xeira de emigración no Hío e no Morrazo tería lugar durante a posguerra franquista, agudizada pola crise da pesca dos anos 1949 a 1956, periodo no que algúns veciños do Hio optarían de novo por marcharen a Arxentina, reclamados por familiares e veciños que mesmo lles custeaban a viaxe. Nestas datas ainda había moitos veciños do Hio en Bos Aires traballando nas fábricas ou rexentando negocios de hostelería e comercios que procuraban agruparse, non nos antigos "conventillos" de antano senón en barrios a un dos cales lle denominaban Nerga por seren moitos os residentes deste lugar.

Nestas datas de mediados do século XX, aproveitando a conxuntura franquista de poder, produciríase o intento de apropiación do edificio de "La Unión" por parte do médico que o servía e dunha familiar da antiga propietaria do solar, aportando un triste colofón aos anos de esforzos dos emigrantes hienses por melloraren as condicións de vida dos seus veciños e familiares. Despois dun longo proceso xudicial, como todos sabemos, por fin a casa de "La Unión" revertiría de novo en beneficio dos veciños do Hio. Entre os anos 1950-1960, tamén se produciría unha certa emigración canguesa cara Europa que como noutras ocasións e debido o efecto chamada, acabarían concentrándose en Hamburgo (Alemaña) e Holanda, basicamente en Antwerpe e Rotterdam, nome co que ainda se coñece a barriada de Darbo na que estes emigrantes construiron vivendas cos seus aforros. E xa máis como viaxeiros laborais e migrantes temporais houbo moitos cangueses e morracenses traballando no bacallao en Terranova, nas Canarias, en Namibia, nas Malvinas, nas Seichelles, nas plataformas petroleiras do Mar do Norte, nas flotas pesqueiras e mercantes de medio mundo... Desde finais do século pasado, abriríase tamén unha significativa emigración cara a Canarias, atraída pola hostalería e sobre todo pola construción, centrada en Forteventura e Lanzarote.

Agora que a saída laboral do mar non é unha opción, por dura e pouco rendible, a xuventude actual canguesa, moi formada incluso, vese na obriga de buscar traballo outra vez fóra de Galicia debido esta vez a actual crise económica. Hoxe, como antano, a Arxentina volve a ser, xunto co Brasil, Uruguai, o principal destino dos galegos, alcanzando a cifra de 49.101 os que emigraron a aquel país. En certa ocasión, un ministro franquista, para xustificar a sangría migratoria galega, o seu fracaso na creación de emprego e o atraso económico, afirmou que os galegos emigrabamos "porque eramos uns aventureiros". O que non explicou foi a saudade, a morriña e os que en canto podían, retornaban a casa, ainda que non todos. Coñecemos moitas historias e biografías dos emigrantes trunfadores mais o que adoitamos obviar, son as penurias e os fatigosos periplos de milleiros de emigrantes que fracasaron na empresa migratoria. Por todo isto, por experiencia en propia carne e por unha historia que non debemos esquecer, consta que Galicia é un dos lugares onde mellor se acolle a nivel particular ou colectivo (a Administración é outra cousa) aos emigrantes doutros países que nos últimos anos se teñen instalado aquí.

(*) Historiador e mestre de Cangas