Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xurxo Souto: "Bueu é o centro do mar e do libro galego"

O autor presenta a súa nova novela e asegura que un dos seus soños e poder organizar unha concentración das "botas de Bueu"

Xurxo Souto, cunha buguina e a súa nova novela. // Marta G. Brea

O músico e escritor Xurxo Souto estará hoxe en Bueu para presentar a súa nova novela, "A gran travesía de Chiruca Macallás". O acto, organizado pola Librería Miranda, será ás 20.30 horas no Centro Social do Mar e o autor estará presentado polo xornalista de FARO Salvador Rodríguez. A presentación a completa a actuación da "Coral Poliocéana de Bueu".

- Volta a Bueu, unha vila que xa coñece ben. Esta vez volta para presentar o seunovo libro, "A gran travesía de Chiruca Macallás". Podería considerarse case como unha obriga vir a Bueu a presentalo, co seu Museo Massó e o influxo de Urbano Lugrís que dalgunha maneira está presente neste libro?

-Unha obriga e sobre todo un orgullo. Bueu é o centro do mar. Mais tamén é o centro do libro galego. Grazas ao entusiasmo dun libreiro, Fernando Miranda, e de toda a veciñanza, esta vila converteuse para os propios escritores nun referente de cariño e creatividade. Teño un gran soño, cumprireino algún día. As mellores botas para o mar foron as botas de Bueu. A súa sona estendeuse dende Pasaia (no País Vasco) a Terra Nova. Se a bordo eran moi resistentes, en terra víranse eternas. Estou certo que se conservan moitos pares nos faiados do Morrazo. Como se fan concentracións de autos antigos ou de traxes de época, soño con unha gran concentración de botas de Bueu. Veteranos afoutos a campar pola ribeira. Xa o teño falado con Seso, o fillo de Riobó, o zapateiro que as creou. Só é cuestión de tempo, habémolo conseguir.

- Cal é a orixe desta novela? De onde sae esa personaxe tan poderosa e singular como Chiruca Macallás?

-En realidade é a segunda parte de "O Retorno dos Homes Mariños", que publiquei hai 20 anos. Nela xa era protagonista Chiruca. Daquela traballaba nun taller de Zara. Agora virouse máis poderosa: é patroa de pesca no Gran Sol. Mellor dito, traballa en Rockall, no "Con de Marín". Todo o libro quere ser apoloxía dun mundo invisible: o traballo das mulleres do mar. Atadeiras, peixeiras, traballadoras da conserva. E por que non? Tamén patroas no mar de Irlanda. Insisto, un mundo invisible. Hai unhas semanas púxose en folga o sector dos elaborados do mar. Mais de seis mil persoas, con epicentro en Marín, case todas mulleres. Pero diso os "terrícolas" non temos noticia. Nin sequera chegamos a saber que tal folga existiu.

- Despois da súa experiencia con "Contos do mar de Irlanda" e agora con esta novela, cre que algún día será posible ver a unha muller como patroa de pesca dun barco no Gran Sol?

-Por suposto. Dende que saíu a novela comecei a ter noticia, alén de Chiruca, doutras rapazas con altas responsabilidades nos barcos. Velaí Bábara Romaní, capitana da mariña mercante. Arantxa Toriza, de Viveiro, que foi patroa de costa no Gran Sol. Ou Verónica Prieto, asturiana, capitana nos petroleiros. Mais tamén é moi importante o traballo das mulleres nos oficios tradicionais. Nomeadamente no marisqueo. Un referente de excelencia e de economía sostible. Grazas ao seu esforzo e ao seu traballo ordenado, están a pór en valor estas rías, a producir, dun xeito colectivo, o mellor marisco do mundo. Mais disto pouco se fala. En lugar de apoialas, as rías están sendo vendidas a multinacionais chinesas e norueguesas, que se apropian de tanta riqueza para crear subprodutos: falo do peixe de piscifactoría, entupido en antibióticos.

- Ao principio mencionáballe a Urbano Lugrís. Na novela hai unha personaxe, Lipeilipeisa, que ben podería saír dalgúns deses animais mariños que saían da imaxinación do artista.

-A pintura de Lugrís emociónanos porque describe un mundo que é totalmente noso. Todas as lendas, o misterio do mar metido dentro dun cadro. Nesta novela A Coruña e Vigo son a mesma cidade, exactamente igual que acontece na súa obra. O universo Lugrís ten un centro, Bueu. O Museo Massó, evidentemente. E a Capela dos Santos Reis, a súa obra cume, como el mesmo manifestaba. Grazas a asociación que preside José Manuel Dopazo, este ano puiden participar na romaría. Creo que habería que divulgar máis esta marabilla e convertela nun punto de encontro de arte galega.

- Despois de "Contos do mar de Irlanda", estaba cantado, ou máis ben escrito, que ía continuar explorando narrativamente os mares do Gran Sol?

-Preguntáronlle unha vez a Staffan Mörling, o sueco de Ons, por que viñera vivir a un fin da Terra. Contestou rotundo: Galiza non é un fin da terra, é un centro do mar. Tes razón, cómpre seguir escribindo do mar e explorando este universo. Porque o mar non é o pasado, é o futuro. O noso único futuro. Se un día lle dá un arrouto a Amancio Ortega (quen non llo dea) leva Inditex a Singapur e quedamos a velas vir. A Citroën mantén a Vigo nunha constante ameaza, que marcha para Eslovenia, que vou para Marrocos. Pero o mar non o poden levar. A nosa obriga, se somos intelixentes, é poñelo en valor, e convertelo no noso gran recurso.

- A presentación da novela en Bueu vai estar acompañada cunha actuación musical. Para a ocasión rebautizou á Coral Polifónica de Bueu como Coral Poliocéana de Bueu.

-Con Rosa Cerviño, a súa directora, e con toda coral vivín unha experiencia marabillosa. Participei con eles en Cangas na Gala do Patrimonio. A idea era que entre canción e canción eu contase algún conto do mar. Craso erro, porque os que realmente sabían destas historias -case todos mariñeiros xubilados- eran os propios coralistas. Así o fixemos. Coas súas crónicas (Antártida, Terranova, Namibia, Gran Sol) nese concerto demos a volta ao mundo todo. Por iso, ademais de "polifónica", a coral debe levar o título de "poliocéana". Entre as voces femininas tamén hai moitas traballadoras do mar. Maruxa ensinoume a peza que botaban na fábrica Massó de Bueu. Na presentación do libro anterior, os "Contos do Mar de Irlanda", no Museo Massó, participou o gran gaiteiro Lito de Pinténs, fundador de Manxadoira. A raíz deste encontro chegamos a facer un documental, "Dos Gaiteiros do Mar". Desgraciadamente Lito finou hai uns meses. Esta presentación estará tamén dedicada á memoria deste gran mestre.

Compartir el artículo

stats