A Concellería de Cultura abre hoxe oficialmente o prazo para participar nunha nova edición dos premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo. As persoas interesadas dispoñen ata o vindeiro 31 de xaneiro para presentar os seus traballos, que se poden achegar en formato electrónico ou en papel, segundo establecen as bases da convocatoria. En ambas as modalidades o premio será de 1.500 euros. Amais, no caso do galardón de poesía o texto gañador será publicado pola editorial Xerais.

Estes premios son unha maneira de render homenaxe ao escritor, xornalista e alcalde de Bueu José Gómez de la Cueva "Johan Carballeira". O certame de poesía é o máis antigo e coa deste ano suma xa 22 edicións. No caso do apartado de xornalismo nesta ocasión chégase a decimosexta edición.

Dende Cultura precisan que o prazo oficial para presentar traballos ábrese hoxe venres. O anuncio publicado hai unhas semanas no BOP era un trámite oficial previo, pero que non significaba a apertura do periodo de presentación de textos.