Aínda que existen varios castros na parroquia histórica de Moaña, quen mais datos nos pode aportar sobre as súas orixes e desenvolvemento inicial é o chamado "Monte do Castro", a carón da súa igrexa románica, que aínda se atopa amurallado nunha parte do seu perímetro e, onde se encontraron restos de cerámica castrexa e muíños de abalar, amosando a existencia dun asentamento anterior ao século I da nosa Era. A partir dos séculos III e IV os poboadores dos castros, despois de ser romanizados, baixaron a terreos máis chairos, segundo os topónimos das primeiras entidades poboacionais, galaico romanas, situadas nos seus arredores e nos do Castro dos Ladrados; trátase dos actuais lugares de Cima da Vila, Fondo da Vila, Fonte da Vila, Casal e Casal do Outeiro de Sabaceda; ademais de quintas illadas que están nas orixes do actual barrio de Quintela.

Desa mesma época proceden dous muíños romanos, atopados durante a escavación, feita fai poucos anos, para reafirmar o muro de separación entre os adros, alto e baixo, da igrexa de San Martiño; encontráronse tamén, preto da superficie, sartegos dos séculos XIII - XIV e outros en diferentes capas, o que demostra a existencia dun cemiterio moi antigo que, segundo un documento parroquial, foi clausurado en 1763. Partindo de tales evidencias, non se descarta que o camposanto fose construído para enterrar aos mortos dos anteditos asentamentos; pois, aínda que na cultura castrexa, polo xeral queimábanse aos mortos, ao mesturarse cos romanos e abandonar os castros, comezaron a construír necrópoles ou cemiterios para enterralos.

Esta primeira necrópole ergueuse nun lugar que, posiblemente, levase o nome indoeuropeo de Moaña; pois, segundo a toponimia oficial do Concello, pode proceder de charco ou lameiro; tales características danse nun grande terreo chairo, situado a poucos metros e denominado en varios documentos antigos como "Canle de Moaña". A el chegaban augas do monte que o encharcaban; augas que a través de canles conducíronse máis tarde cara á Reitoral.

Xa estaban medrando os poboamentos galaico - romanos cando, no ano 572, despois de producirse a invasión sueva, efectuouse a primeira división eclesiástica e administrativa da Galicia de entonces que incluía a zona occidental de Asturias e Norte de Portugal, ata o río Tajo. Nesa división, a nova parroquia de O Morrazo pasa a depender da sé episcopal de Iria Flavia, actual parroquia do concello de Padrón.

A través de diferentes escavacións, coñécese que arredor de moitas necrópoles galaico - romanas, consideradas como lugares sagrados polo cristianismo que se estaba a impoñer nesa época, fóronse construíndo pequenas igrexas rurais das que, con respecto á banda Sur de dito bispado, non se ten coñecemento documentado; con todo, aínda se conserva o chamado Documento de Tructino, redactado no ano 868, que enumera ata 65 templos nos territorios da parte norte de dito bispado.

Hai que remontarse ao ano 1184 para coñecer o primeiro documento escrito que trata dun lugar da parroquia do Morrazo, a "Herdade de Sabaceda" que o rei de Galicia, Fernando II, dooulle ao seu nobre de confianza, Fernando Arias. Por causa da humidade do documento nun recuncho clave, non é posible coñecer si nese ano xa existía Moaña como parroquia, rexida por unha igrexa rural prerrománica, ou si unicamente se trataba dun pequeno lugar, que se estendeu cara á parroquia histórica actual.

O que non se pode descartar é a existencia dun recinto sagrado, arredor do antedito cemiterio situado no lugar de Moaña, onde o nobre, Fernando Arias, mandou erguer a igrexa románica de San Martiño, consagrada no ano 1197, segundo unha inscrición transcrita e traducida do latín,

A igrexa rematouse sen sancristía; por elo, xa no século XIII, construíuse unha que durou ata 1763, xunto coa ábsida do XII; pois, a partir dese ano derrubáronse ambos recintos para alongar o templo no estilo barroco.

O tímpano

Dita sancristía románica contaba cunha porta exterior coroada por un tímpano, o cal, despois de formar parte do muro de sustentación da cabeceira da igrexa, levouse en 1929 cara ao museo de Pontevedra en cuxo edificio Sarmiento continúa. Especialistas relacionados co museo pontevedrés, confirmaron que foi labrado no século XIII por canteiros portugueses que traballaron na catedral de Tui. Posiblemente fosen Fernando e Paio Arias, dous netos do nobre, nados na casa que posuían en Sabaceda, os que decidiron engadirlle unha sancristía con porta exterior na que se atopaba o tímpano do museo.

Un dos irmáns era cura e o outro frade; entón, antes de morrer sen sucesores directos, parte dos dereitos que tiñan sobre a igrexa de Moaña e, a metade dos bens de Sabaceda traspasáronllos ao mosteiro de Armenteira, onde residía o freire, segundo constatan dúas escrituras en latín dos anos 1232 e 1237. Na segunda delas, aparece con toda claridade a frase "In Ecclesia Sancti Martini de Moania"( En la iglesia de San Martín de Moaña). Moania, escrita en latín, correspóndese con "Moaña",

Unha réplica exacta do citado tímpano situouse, en xuño do presente ano, no patio da antiga reitoral moañesa, onde continúa.

Deste xeito, remátase este artigo no século XIII en que se completou toda a estrutura románica da Igrexa e, no que aparece escrito nun dos citados pergamiños a palabra Igrexa de San Martiño de Moaña, como eixo dunha freguesía, na actualidade dividida en dúas parroquias eclesiásticas, San Martiño e O Carme.