Un total de 25 historias contadas por outras tantas persoas, a razón de cinco veciños por cada unha das cinco parroquias de Bueu e que son un catálogo conciso pero completo dos trazos máis representativos da fala actual de Bueu. Este é o resultado de "Voces de Bueu", o novo proxecto bibliográfico do Club Golfiños, que xa está a venda nas librerías e que onte se presentou oficialmente na sala Amalia Domínguez Búa.

Ao través destas historias de vida contadas polos seus protagonistas trázase un mapa de como se fala nas distintas parroquias de Bueu. Os mozos e mozas do Club Golfiños crearon varios grupos de traballo para afrontar este proxecto: uns encargáronse das gravacións cos entrevistados, outros transcribiron os textos e finalmente un terceiro equipo encargouse da revisión lingüística. Iso si, respectando a forma de falar de cada un dos entrevistados, o que permite extraer conclusións de como se fala en cada parroquia de Bueu. "Incluímos a Ermelo e Ons porque no propio nomenclator da Xunta aparecen así. Ademais era interesante porque a fala de Ons ten pouco que ver coa do resto de Bueu e a de Ermelo está como a medio camiño entre a de Bueu e a de Cela", explica José Manuel Dopazo, responsable de Golfiños e licenciado en Filoloxía Galega.

A idea de afrontar este traballo foi unha iniciativa conxunta coa Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe Silvia Carballo, e Golfiños. "Cremos que é un bo traballo de normalización e dinamización da lingua. Segundo a Real Academia Galega e o Instituto Galego de Estatística menos do 10% da xente menor de 30 anos fala galego. Era necesario facer algo, visibilizar que estamos aquí posto que algunhas das institucións que deben velar pola lingua non o fan", suliña José Manuel Dopazo.

Os protagonistas deste "Voces de Bueu" abranguen un amplo abano de idades: desde unha muller que naceu durante a década de 1920 ata unha moza que acaba de cumprir os 18 anos. Algúns, desgraciadamente, xa non están aquí. "Neste tempo morreron señora Benedicta, que era de Ons, e señor Manuel Entenza, que era da Portela. Para eles tamén vai esta homenaxe", din desde Golfiños.

E como se fala en Bueu? "Pois detectamos que en todas as parroquias úsase o seseo e a gheada. Unha das cousas curiosas é que en Cela tamén se emprega o ceceo na fala, para o cal tamén é necesario que previamente exista seseo", expón José Manuel Dopazo. Tamén se comproba a presenza do rotacismo, que é o cambio do 's' polo 'r' [por exemplo, " or nenos" en lugar de " os nenos"]. A nivel morofolóxico destaca o emprego da forma "muito" en lugar da normativa, que é "moito". Aínda que isto non é así en todo o territorio posto que en Ons á forma máis empregada e "moito". No que respecta á illa, destaca tamén que os illáns teñen unha fala "conservadora", con algún detalles curiosos. "Usan a forma presente do verbo para o pretérito ou pasado. Por exemplo, 'ven onte' en lugar de 'viu onte'", explica.

Unha das conclusións máis interesantes do libro é que mostra como fala cada grupo de idade. "Por exemplo, os maioeres e a xente nacida durante os anos 60 e primeiros 70 inclúe moitos castelanismos na fala. Isto é porque foron escolarizados en castelán e á hora de falar buscan o rexistro máis formal, que para eles é o do castelán", conta Dopazo. Pola outra banda, entre os máis mozos predomina o galego normativo, aínda que se atopan influencias do castelán por unha incorrecta colocación dos pronomes.

O traballo de Golfiños tamén constata que en Bueu perviven as formas "truen, trueche ou truio" do verbo traer no lugar das normativas "trouxen, trouxeche ou trouxo". "É unha forma típica da ría de Pontevedra e xa o pai Sarmiento (1695-1772), cando estivo no mosteiro de Ermelo, escribía que en Bueu se falaba desa forma", explica José Manuel Dopazo.

As historias que se recollen en "Voces de Bueu" son historias de vida, nas que os protagonistas lembran cantares, onde se ía a bailar, aspectos vencellados á relixión... Destacan un fermoso texto sobre o entroido en Ons e o relato dunha veciña de Ermelo que lembra a tradición leiteira desta aldea e como baixaba cargada a Bueu a vender o leite. O acto de presentación contou coa presenza dalgunhas destas persoas, coa música do grupo de gaitas Os Xuncos e con algunha sopresa, como un video enviado por un mozo polaco, Michal, que fala perfectamente galego (foi alumno de Dopazo) e que colaborou con Golfiños. Tamén se presentou unha especie de mural de madeira, de 7,5 metros de longo, co perfil de Bueu e no que se incluiron algúns dos seus elementos máis significativos: o faro de Ons, a igrexa de Cela, a cruz de Ermelo, a lonxa...