O Club Golfiños presenta o venres na sala Amalia Domínguez Búa o seu terceiro libro, que leva o título de "Voces de Bueu". A publicación ten como obxecto "plasmar a realidade lingüística de Bueu, como falamos no noso municipio", explican desde Golfiños. Trátase dunha idea conxunta coa Concellería de Normalización Lingüística e o traballo recolleu testemuñas das cinco parroquias da vila, incluíndo Ermelo e Ons, con persoas de todas as idades. "O resultado foi un pequeno catálogo conciso pero completo dos trazos máis representantivos da fala actual de Bueu", sinalan.

O acto será a partir das 20.30 horas e estarán presentes membros do goberno local e o secretario de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Tamén se espera a presenza de boa parte das persoas que foron gravadas neste traballo, así como a rapazada que traballou para sacar adiante esta nova publicación.

Durante a presentación está prevista a actuación do grupo de gaitas Os Xuncos, de Lalín, e haberá algunha sorpresa.