A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afamo) volve a celebrar mañana o Día Mundial contra esta enfermidade cunha obra de teatro interpretada polos seus usarios como eixo central da xornada. O lema do día é "Ela non se lembrará, e ti?". A intención de Afamo é que os usuarios e as súas familias poidan disfrutar conxuntamente dunha xornada dominical.

A obra de teatro deste ano, que sempre deleita ao público grazas aos seus puntos de humor, titúlase "Ao pé da lareira". Os actores por un día celebraron onte o seu ensaio xeral. O espectáculo narra as reunións en torno a unha lareira, nas que no pasado os máis vellos e sabios explicaban aos novos diversas cousas da vida dende os costumes ata as festas ou lendas". Serán os pacientes de alzhéimer e outras demencias os que lembren os vellos tempos.

Os actos arrancarán ás 12.00 horas cunha cerimonia relixiosa, seguida das intervencións das autoridades locais. A representación teatral na carballeira de San Martiño de Moaña está prevista para as 13.00 horas e concluirá coa actuación da banda de gaitas Gaiteiros de Moaña. Despois, baixo a sombra dos carballos, haberá unha comida conxunta das distintas familias. Pola tarde actuará o coro "Ondas da ría". A Asociación de Mulleres de Moaña porá as pezas de humor e o grupo Comboio Novo se encargará de pechar a xornada coa súa música.